Publicador de contidos

Publicador de contidos

Último día para votar en urna nos consulados e embaixadas

Último día para votar en urna nos consulados e embaixadas

Teñen a opción de votar en urna os máis de 2,3 millóns de españois que residen habitualmente no estranxeiro

Máis tempo para votar e papeletas descargadas de Internet, entre as novidades

A posibilidade de votar por correo para os rexistrados no CERA acabou o martes 18

G24.gal 20/07/2023 09:42

A posibilidade de voto presencial en urna nas embaixadas, consulados e outros centros habilitados no estranxeiro dos españois residentes no exterior para as eleccións xerais termina este xoves, día 20.

Teñen a opción de votar en urna os máis de 2,3 millóns de españois que residen habitualmente no estranxeiro, que poden participar nestas eleccións sen necesidade de solicitar con antelación esa opción, xa que son os primeiros comicios xerais en que xa non está vixente o voto rogado, que rexeu entre 2011 e 2022.

As delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral enviaron nas últimas semanas aos domicilios deses 2.325.310 de electores rexistrados con data de 1 de marzo no Censo de Españois Residentes Ausentes (CERA) tanto as papeletas para que elixan os seus votos ao Congreso e ao Senado como o certificado censual.

As papeletas puidéronas descargar tamén de Internet, xa que esta era outra novidade da última reforma da Lei Orgánica Reguladora do Réxime Electoral Xeral (LOREG), do mesmo xeito que a supresión do voto rogado.

Outra novidade era a ampliación do tempo en que está dispoñible o voto en urna, con máis días (estiveron abertas as urnas desde o sábado 15) e máis horas, pois fixouse na lei que as urnas teñen que estar dispoñibles nos horarios tanto de mañá como de tarde propios do país en que se atopen.

A posibilidade de votar por correo para os rexistrados no CERA acabou o martes 18.

O censo de residentes no estranxeiro aumentou en 196.751 persoas respecto ao de hai case catro anos, o das anteriores eleccións ao Congreso e o Senado, segundo datos do Ministerio do Interior.

Aínda que son as primeiras eleccións xerais desde a supresión do voto rogado, o novo sistema xa foi usado nos comicios a doce parlamentos autonómicos do 28 de maio.

Os residentes no exterior poden votar nas eleccións lexislativas (europeas, xerais e autonómicas), pero non nas municipais.

Se se vive fóra e se está de vacacións en España

Os residentes no estranxeiro que estean temporalmente en España poden votar por correo de igual forma que os que viven en España, pero só poderán facelo se fixeron a súa solicitude de voto por correspondencia. O prazo acabou o xoves 13.

Se así o fixeron, poden enviar os seus votos como moi tarde este xoves, día 20, para que cheguen a tempo ás mesas electorais este domingo.

Provincia en que votan os residentes no estranxeiro

En España non hai circunscricións electorais específicas para os que residen no estranxeiro, como existen en Francia e outros países. Teñen que estar adscritos a unha das territoriais, que son 52 para o Congreso (as 50 provincias máis as dúas cidades autónomas) e 59 para o Senado (as 47 provincias peninsulares, as dúas cidades autónomas e as dez maiores illas).

Para iso, ao apuntarse no CERA énchese un formulario en que hai que marcar cal foi o municipio da última residencia en España, se é que se tivo, ou ben cal é o municipio de maior arraigamento propio ou de maior arraigamento dos ascendentes, aínda que poden alegarse nunha marcadora outros motivos para elixilo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade