Ucraína ve imposible lograr a fin da guerra a través do diálogo con Rusia
Asegura que calquera acordo con Moscova non valería un céntimo
O avance ruso no leste de Ucraína levou as tropas do país a pensar en retirarse de Luhansk para evitar ser capturadas. Os rusos aseguran que controlan o 95 % desta rexión. De momento, porén, o exército de Kíiv afirma que segue defendendo as súas posicións.
Mantén que nas últimas horas freou a entrada dos rusos en Severodonetsk, o último bastión ucraíno na zona. Con todo, no Instituto para Estudos da Guerra non cren que Kíiv poida manter este enclave moito tempo.
Moscova, pola súa banda, confirmou a toma de Limán, outro punto estratéxico -este na rexión de Donetsk-, como anunciaran este venres as milicias prorrusas.
Zelenski admite que a situación é moi difícil no conxunto do Donbás, con ataques constantes de artillería e mísiles, pero subliña que o Exército fai todo o que lle permiten os seus recursos actuais para defender o territorio, e proclama que o Donbás será ucraíno.
Os Estados Unidos non descartan enviar a Ucraína lanzafoguetes cun alcance de 300 quilómetros. O ministro de Exteriores ruso, que advertiu contra a entrega de armas que poidan chegar ao seu territorio, dixo que Occidente xa non oculta que lles declarou a guerra.
Fin do conflito
O xefe do equipo negociador de Ucraína exclúe resolver o conflito co diálogo. Di que Rusia sempre mente e que calquera acordo non valería nin un céntimo. Puntualiza que loitarán ata o final porque non teñen outra opción.
A ONU confirmou ata agora 4.031 civís mortos na contenda, entre eles 261 nenos.