Ucraína e Rusia preparan novas ofensivas para os próximos meses
Ucraína e Rusia preparan novas ofensivas para os próximos meses
As partes acúsanse de novos ataques contra civís
Ucraína denunciou que este sábado o ataque ruso dunha zona residencial na rexión de Donetsk que deixou un mínimo de tres civís mortos e dous feridos.
Moscova tamén acusou as forzas ucraínas dun ataque contra un hospital na zona prorrusa de Luhansk, con 14 mortos e 24 feridos.
O mes que vén cúmprese un ano da invasión e os analistas non confían en que se lle vaia poñer fin pola vía diplomática.
"É que nunca se chegou a presentar en serio. Ningún dos dous en ningún momento tivo idea de negociar".
Pola contra, o temor a que Rusia estea preparando unha nova ofensiva marca, a xuízo dos expertos, a decisión de Occidente de enviar os carros de combate que lle pedía Kíiv.
"A conclusión que podemos sacar de aí é que hai unha información da intelixencia, compartida con todos, que os leva de forma unísona a enviar novo material militar"
O experto en Seguridade e Defensa Rodrigo Rodríguez Costa cre que a importancia da doazón dos tanques, e dos cazas que tamén pide agora Zelenski, é sobre todo simbólica.
"É unha nova escenificación do máximo apoio político".
Rodríguez Costa afirma que a posible escalada do conflito está sobre a mesa.
"Empeza a haber estudos moi importantes en centros de investigacións occidentais nos que examinan que opcións pode ter o Kremlin para atacar e Occidente para contestar, nun proceso de escalada nos próximos meses".