O incendio de Avión queima xa 70 hectáreas, un dos tres activos na provincia de Ourense
Outros dous focos permanecen activos: o de Chandrexa de Queixa que arrasou 19.000 hectáreas e o de Carballeda de Valdeorras-Casaio, que leva queimadas 4.400 ha
O de Larouco, o máis grande da historia de Galicia, permanece estabilizado desde o sábado
Mellora a situación dos incendios en Galicia. Este luns permanecen activos tres incendios: o de Chandrexa de Queixa e Vilariño, que arrasou 19.000 hectáreas; o de Carballeda de Valdeorras-Casaio que queimou 4.400 e o de Avión-Nieva, declarado o domingo á tarde e que leva afectadas 70 hectáreas de superficie.
Na extinción deste último traballan 1 técnico, 6 axentes, 18 brigadas, 10 motobombas, 4 pas, 5 helicópteros e 5 avións.
Estabilizados os focos do incendio de Chandrexa de Queixa
A consellería do Medio Rural dá por estabilizados os focos de Requeixo e Parafita en Chandrexa de Queixa, pero mantén activo o de Vilariño de Conso. Na súa extinción traballan efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) ademais de 23 técnicos, 168 axentes, 227 brigadas, 119 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 29 avións.
Ademais, na provincia de Ourense están estabilizados tres dos incendios máis devastadores deste verán. O de Larouco, que calcinou arredor de 30.000 ha; o de Oímbra e Xinzo de Limia (17.000 ha) e A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha). Tamén están estabilizados os incendios de Carballeda de Avia e Beade (4.000 ha); e o de Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha).
Desde a Consellería indican que están xa controlados outros cinco focos que afectaban a provincia ourensá: o de Maceda, que calcinou 3.500 hectáreas; Vilardevós-Moialde (600 ha), Montederramo-Paredes (120 ha); Riós-fumaces e a Trepa (100 ha), e Riós-Trasestrada (40ha).
Controlado o incendio de Carballedo-A Cova (Lugo) e estabilizado o foco de Vilaboa-Santa Cristina de Cobres (Pontevedra)
Na provincia de Lugo desactivouse a situación 2 que afectaba ao lume de Carballedo-A Cova, declarado o xoves. A consellería de Medio Rural o dá xa por controlado tras calcinar 100 hectáreas.
Tamén na provincia de Pontevedra quedou desactivada a situación 2 do incendio forestal declarado tamén o xoves na parroquia de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa. O lume arrasou 70 hectáreas e está xa estabilizado.
A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal.