Tráfico defende reducir prazos "excesivos" para a renovación do carné en persoas maiores
Na convención anual de directivos da DXT que se celebra en Pontevedra, Pere Navarro confirmou que se reducirán os intervalos, que agora son de cinco anos
Tráfico estuda endurecer os psicotécnicos e acurtar os prazos de renovación do permiso de conducir da xente maior. É un dos debates que ten sobre a mesa a dirección xeral que encabeza Pere Navarro, e que estes días reúne a súa cúpula en Pontevedra.
O accidente de tráfico ocorrido hai 3 días na AP-9 en Pontevedra, unha colisión en que se viron implicados un autocar e un coche dos sen carné, conducido por un home de avanzada idade, reabriu o debate sobre a necesidade de endurecer os requisitos de renovación do permiso de condución.
O director xeral de Tráfico, que este mércores inaugurou en Pontevedra a convención anual de directivos da DXT, confirmou que están avaliando a posibilidade de que as persoas maiores renoven o carné en intervalos máis curtos, agora por norma xeral é cada 5 anos.
"A todo o mundo lle parecen excesivos, hai que adecualo, pero, claro, xente maior, o tema é delicado", aseguraba Pere Navarro.
"Hai unha directiva de permisos de conducir que está en Europa, estamos un pouco á espera do que veña e tamén nos temos dirixido a asociacións de xente maior dicíndolles, todos vedes que 5 anos de renovación para alguén que ten 80, 85, 90 anos é moito, propoñede que prazos vos parecerían razoables", dicía o director xeral de Tráfico.