Tomás Pombo debutará no Gran Camiño co primeiro equipo do Movistar Team
O ciclista carballés do Movistar considera a cita galega como o maior obxectivo da temporada a nivel persoal
Debutará cos navarros dentro dun mes, na Clásica Terres de l'Ebre
O ciclista carballés Tomás Pombo forma parte da primeira promoción do Movistar Team Academy, o segundo equipo do Movistar Team. É dicir, o corredor de 19 anos terá opción de participar co equipo de desenvolvemento en carreiras sub-23 como o Tour de l'Avenir, a volta por etapas onde corren todos os talentos que loitan por facerse oco no ciclismo profesional.
Tomás Pombo: "No Movistar confían no meu rendemento. Se fago todo ben, oxalá poida continuar na estrutura máis aló de 2027".
Tras un comezo de temporada complicado condicionado por unha lesión que lle apartou dous mees dos adestramentos, Pombo confirmou que disputará a súa primeira carreira o 21 de marzo en Cataluña, na Clásica Terres de l'Ebre. En abril correrá o calendario galego, no que intentará repetir o triunfo logrado o ano pasado na Clásica de Pascua de Padrón e, sobre todo, dar o mellor de si mesmo no Gran Camiño.
Tomás Pombo: "Estrearme nunha volta importante como é a de casa é bastante especial para min".
Pombo confirmou a súa participación na gran cita galega, á que acudirá con especial motivación ao saír a segunda etapa desde Carballo, a súa vila natal. Tomás conta con contrato ata finais de 2027, polo que contará con moitas oportunidades para demostrar a súa progresión na estrutura que representa a España na máxima categoría do ciclismo profesional.