Tests de antíxenos de balde nas farmacias galegas para menores de 5 a 11 anos
No caso de que sexa positivo, o Sergas convocará para facer unha PCR de contraste
Este venres moitas farmacias de Ourense, Lugo e Vigo xa recibiron algúns tests
Prevese que durante a fin de semana se poidan dispensar en toda Galicia
Facer tests de antíxenos vai ser clave para pasar unhas festas con maior seguridade. A partir de agora, e para os pequenos entre 5 e 11 anos estas probas serán de balde nas farmacias.
No caso de que o resultado sexa positivo, será o Sergas quen os convoque para facer unha PCR de contraste. Se a isto lle sumamos a vacinación infantil nesta franxa de idade, a volta ao colexio será máis segura para todas as familias.
A previsión é que estes días se solucionen algúns problemas de subministración para dar cobertura a estas probas que serven como primeiro filtro para detectar a covid.
Este venres o Sergas informou de que as farmacias de Vigo, Ourense e Lugo xa dispoñían de algún material, e prevese que durante a fin de semana se poidan dispensar xa en toda Galicia.
Cada neno ten dispoñible unha proba de balde para facela nestas datas, que se solicita coa tarxeta sanitaria nas farmacias.
Estas probas de balde unidas á vacinación infantil nesta franxa de idade, farán que a volta ao colexio sexa máis segura para todos.