Tarefas de limpeza e reencontros familares en Valencia logo da DINA
Tarefas de limpeza e reencontros familares en Valencia logo da DINA
A cifra de vítimas mortais mantense en 219 e os desaparecidos baixan a 11
A cifra de vítimas mortais rexistradas por mor da DINA e as inundacións posteriores que afectaron á provincia de Valencia mantense en 219, mentres que a de desaparecidos é de 11, dous menos que onte, segundo o último balance oficial do Centro de Integración de Datos (CID).
Vinte dias despois continúan os traballos de limpeza e aínda hai reencontros familiares. En Alfafar dous irmáns podían abrazarse de novo mentres os seus veciños lembraban os días que pasaron illados, sen comer, sen poder saír das casas, incomunicados.
Historias de incomunicacións que superaron, segundo nos contaron, grazas ao traballo dos voluntarios. Ata douscentos pasaron polas súas vivendas. Inmobles que xa non teñen lodo pero que están desfeitas, porque, como explican, a auga chegou a ter alí máis de tres metros de altura.
As tarefas de limpeza nas localidades afectadas non cesan co temor de que o lodo colapse a rede de saneamento se regresan as chuvias. José María Castrillo, Director PMA emerxencias, explica que os cidadáns non deben encher os sumidoiros para evitar que colapsen.
Din que deben deixar traballar os profesionais e que 120 camións máis se sumaron ás tarefas de limpeza. Algúns bombeiros aseguran que comezan a ver un pouco de luz nas rúas, nas vivendas e nos parques infantís. Tamén algúns negocios abriron a persiana. Son luces que comezan a acenderse nunha dura e longa fase de volta á normalidade