OPINIÓN
Suba do SMI: vantaxes, inconvenientes e comparativa europea, por Maite Cancelo
O salario mínimo aumentou un 41 % entre os anos 2017 e 2021, o que supón o maior incremento entre os países europeos máis desenvolvidos
As subidas deses salarios poden alimentar, aínda máis, a economía mergullada
A suba do SMI ou a contía da mesma é un debate continuo entre analistas económicos, o Goberno e os axentes sociais. Os expertos consultados pola ministra fixan unha suba entre 46 e 82 euros, sobre a base actual, de 1.000 euros por 14 pagas, para, así, alcadar o 60 % do salario medio español no ano 2023.
Vantaxes da suba: permite manter o poder adquisitivo dos traballadores nun contexto de aumento da inflación sempre que se traslade a un maior consumo interno, reducindo, ademais, as desigualdades sociais e, beneficiando, sobre todo, aos traballadores que non están protexidos por un convenio.
Inconvenientes: as subidas deses salarios poden alimentar, aínda máis, a economía mergullada, pódense producir substitución de empregos por máquinas e ao encarecerse os custos, isto tradúcese nunha redución na creación de postos de traballo, sobre todo nos que se require menor cualificación.
De feito, o Banco de España, no estudo que publicou no 2021, con datos da subida do 22 % do SMI no ano 2019 alertou do impacto negativo no traballo de ata 174 miles de empregos e, que, a pesar das súas propias limitacións, é o estudo máis fiable dos que se realizaron para analizar o efecto desta medida e que, ademais, recolle o maior impacto que tivo sobre os traballadores de menor cualificación e produtividade.
O salario mínimo aumentou un 41 % entre os anos 2017 e 2021, o que supón o maior incremento entre os países europeos máis desenvolvidos.
Pero se, ademais, comparamos, a partir dos incrementos dos últimos anos, a nosa situación coa da nosa contorna e o obxectivo que marca a Carta Social europea, que establece que o SMI alcance o 60 % da remuneración media nos países europeos, temos estudos que mostran que, en España, temos o salario mínimo máis caro da UE, como porcentaxe do salario medio, e que CEPYME (a patronal das pequenas e medianas empresas) establece en case o 55 %, seguido de Grecia, co 51 %, sendo os dous países os que maiores taxas de paro presentan.
O Banco de España volve apelar á prudencia nesta subida
Ademais, en España o salario mínimo aumentou un 41 % entre os anos 2017 e 2021, o que supón o maior incremento entre os países europeos máis desenvolvidos.
O problema segue sendo que os aumentos do salario mínimo encarecen os custos laborais e España segue sendo un país de pequenas e medianas empresas e, se a iso engadímoslle os problemas financeiros que estas empresas seguen a ter, mesmo, superada a crise da covid, o efecto desta medida é máis prexudicial que beneficiosa, para o conxunto dos traballadores.
"Temos que ser prudentes na determinación da subida do SMI e vinculalo a ese necesario Pacto de Rendas para poder frear os procesos inflacionistas"
Por iso, o Banco de España volve apelar á prudencia nesta subida e que se inclúa nese pacto de rendas onde empresarios e traballadores teñen que repartirse os problemas do aumento da inflación, que debería abarcar tamén ás pensións ou aos soldos dos empregados públicos, de forma que se produza unha moderación das subidas salariais para evitar a chamada segunda rolda nos procesos inflacionistas, ou espiral inflacionista, con consecuencias moi negativas sobre a nosa competitividade e, por tanto, sobre a nosa actividade económica e o emprego.
En definitiva, temos que ser prudentes na determinación da subida do SMI e, vinculalo a ese necesario Pacto de Rendas para poder frear os procesos inflacionistas que afectan directamente o crecemento da economía e do emprego no noso país.