Stoned at Pompeii, Galician Army, Antía Muíño e Hugo Guezeta, entre os premios Martín Códax da Música 2026
Stoned at Pompeii, Galician Army, Antía Muíño e Hugo Guezeta, entre os premios Martín Códax da Música 2026
A banda viguesa Stoned at Pompeii foi gañadora na categoría de Rock, mentres que Galician Army quedou co galardón en Electrónica, Antía Muíño en Canción de Autor/a e Hugo Guezeta en Músicas Urbanas
O Premio a Artista Emerxente foi para Lula Mora, o dúo formado por Sara Caride e Silvia Izquierdo, que combina música e poesía nunha proposta que tende pontes entre Galicia e As Canarias
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este mércores a gala dos XIII Premios Martín Códax da Música, na que se premiou grupos e artistas galegos como Stoned at Pompeii, Galician Army, Antía Muiño ou Hugo Guezeta, entre outros.
Así, a banda viguesa Stoned at Pompeii foi gañadora na categoría de Rock, mentres que Galician Army quedou co galardón en Electrónica, Antía Muíño en Canción de Autor/a e Hugo Guezeta en Músicas Urbanas.
Ademais, no apartado de Blues, Funk e Soul foi premiada a banda Allo Negro, e a banda de Ferrolterra Keepers recolleu o premio na categoría de Metal.
Doutra banda, no apartado de Orquestras e Música de Verbena foi Lamatumbá quen recolleu o galardón, á vez que Michu da Rocha obtivo o recoñecemento en Pop e Indie.
O pianista Xan Campos, co seu proxecto Amorodios, gañou o premio en Jazz e Músicas Improvisadas, mentres que o actor e músico Paco Nogueiras levou a distinción en Música Infantil.
Así mesmo, a artista Lidia India recibiu o premio na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe, e a compositora e pianista ourensá María Mendoza gañou o galardón de Música Clásica e Contemporánea.
No apartado de Música Folk, o grupo Abril recolleu o premio cunha proposta centrada na reinterpretación da música de raíz galega desde unha perspectiva contemporánea.
Pola súa banda, Carapaus foi recoñecido na categoría de Música Tradicional. A Banda de Música Municipal de Celanova foi premiada na categoría de Bandas de Música Popular.
Artista emerxente, Lula Mora
O Premio a Artista Emerxente foi para Lula Mora, o dúo formado por Sara Caride e Silvia Izquierdo, que combina música e poesía nunha proposta que tende pontes entre Galicia e As Canarias.
Nos Premios Organistrum, Galicia en Concerto recibiu o recoñecemento a Comunicación e Difusión Musical polo seu labor na promoción e divulgación da música feita en Galicia.
A Sala Capitol foi distinguida como Mellor Sala e o Festival Alternativo Millo Verde levou o premio a Mellor Festival, recoñecemento a unha traxectoria vinculada á música alternativa e á autoxestión cultural. A gala finalizou coa entrega do Premio Honorífico a Los Suaves, que recoñece a traxectoria dunha das bandas máis emblemáticas do rock galego e estatal.