Publicador de contidos

Publicador de contidos

Stellantis busca trescentos traballadores para remudar contratos temporais en Vigo

Stellantis busca trescentos traballadores para remudar contratos temporais en Vigo

A fábrica segue a necesitar reforzos porque conta con manter altos niveis de produción

A empresa alega que non pode incorporar demasiados fixos porque o futuro do sector é moi incerto

 

G24.gal 26/08/2025 14:52 Última actualización 26/08/2025 15:54

A maior fábrica de Galicia empeza novo curso e necesita reforzos. Stellantis abriu un proceso de selección para atopar trescentas persoas que se poidan incorporar á cadea de montaxe en Vigo. A empresa mantén o optimismo sobre a produción a curto prazo pero non pode dar garantías de futuro e por iso o que necesita son traballadores temporais.

Hai dous anos a factoría recuperou a actividade en fin de semana, precisamente para afrontar unha suba das vendas, e daquela contratara setecentos operarios. Pero son contratos eventuais, dun ano como máximo, que ten que ir remudando en cada exercicio. Así que agora busca novos aspirantes.

"Buscamos operarios e é valorable que teñan experiencia no sector da automoción ou no sector industrial pero neste caso non é imprescindible", explica Ana Alonso, a directora de Adecco en Vigo, que selecciona os perfís que logo contratará Stellantis.

Stellantis ten aproximadamente seis mil cen traballadores en Vigo. A empresa non dá cifras oficiais de cantos son eventuais e os sindicatos calculan entre mil trescentos e mil cincocentos. A compañía di que necesita ter un continxente de eventuais para afrontar os vaivéns do mercado da automoción.

 A lectura positiva é que o grupo segue confiando na fábrica de Vigo, onde conta con manter altos niveis de produción, cando menos, a un ano vista. A cambio, ofrece contratos temporais e a tempo parcial, que non aseguran xornadas nin salarios completos. Pode haber semanas de moita actividade e outras nas que só se traballe algunhas horas.

"A empresa o que nos di é isto é moi inestable. Se hai un ano ou dous nos dixeran que agora iamos ter este volume de traballo non o creriamos", asegura o secretario de Comisións Obreiras na fábrica de Vigo, Daniel Costas.

"Nós entendemos que a precariedade forma parte do día a día dentro da planta. Que moitos traballadores se acollan ás medidas que existen para deixar a empresa evidencia que as condicións laborais non son as agardadas nunha multinacional como Stellantis", apunta pola súa banda o representante da CUT, Víctor Mariño.

A fábrica de Vigo segue a ser unha das xoias da cadea de Stellantis. En 2024 montou 516.000 coches e furgonetas, a terceira mellor cifra da súa historia.

Este ano a produción continúa a ser moi boa e a compañía xa lle asegurou a Vigo produción a medio prazo ao lle adxudicar unha das novas plataformas do grupo, a base sobre a que se montarán algúns dos modelos que se lanzarán ao mercado os próximos anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade