Soldados ucraínos fan retroceder ás tropas rusas en Khárkiv cara á fronteira
Analistas occidentais falan de desastre táctico polo fracaso das tropas rusas no río Donets
Belizense fixo cambios na cúpula militar das súas forzas armadas e non desiste no intento de evacuar os soldados que quedan na siderúrxica Azovstal
Rusia centra os seus esforzos militares na fronte de Luhansk. Para evitar o seu avance, o exército ucraíno voou unha ponte entre Rubihne e Severodonetsk, cidade en que, segundo as autoridades locais, os rusos bombardearon un hospital, vivendas, unha escola e unha planta química. Aseguran que foron atacadas 23 vilas. En Leópolis non só caeron mísiles está fin de semana, tamén sufriron un ataque informático.
Analistas occidentais cren que é probable que Moscova abandonara o obxectivo de rodear unidades ucraínas dende Donetsk ata Izium e destacan unha operación falida no río Donets. Estiman que a semana pasada uns 400 soldados rusos ou ben morreron ou quedaron feridos no intento de atravesalo. Ademais, a intelixencia británica calcula que Rusia perdeu un terzo das súas fozas nesta invasión.
No óblast de Khárkiv avanza Ucraína. Aquí unha veciña explica que non quedan casas en pé na súa rúa, que están todas destruídas. A retirada das tropas do Kremlin semella que foi apresurada. Estas son municións que deixaron atrás.
No entanto, Zelenski fixo cambios na cúpula militar, cesou un comendante, Yurii Halushiin, que fora designado en xaneiro. No seu lugar sitúa un xeneral, Ihor Tantsiura. Ademais, informan que continúan as conversas para sacar os últimos soldados que quedan atrincheirados na siderúrxica Azovstal. Segundo o presidente, son difíciles e delicadas.
Zelenski asegura que o Exército ucraíno non parará ata recuperar Donbás por completo e expulsar os rusos. Nun comunicado emitido a últimas horas deste domingo o presidente ucraíno afirma que os ocupantes aínda non queren admitir que están nun canellón sen saída e que a súa chamada "operación especial" fracasou. E a evolución do conflito na rexión de Khárkiv parece darlle a razón.
Nunhas imaxes difundidas polo gobernador local pódese ver un grupo de soldados no límite fronteirizo despois de facer retroceder ata alí as tropas rusas.
Unha realidade que tamén confirma Oleksandar Yuvchenko, que combate no sector de Ruska Lozova, localidade próxima á capital provincial. "Estamos empuxando os rusos no norte e na rexión de Khárkiv, di Oleksandar. Grazas a Deus marchan e volven a Rusia. O leste, a parte oriental, aínda está baixo ocupación rusa, de momento".
De feito, o negociador xefe ruso chámalles criminais de guerra aos efectivos do Batallón Azov que seguen na factoría, e di que convertelos en obxecto de negociacións políticas é unha blasfemia en relación á historia de 1941, cando a invasión nazi.
Con isto, un asesor do alcalde de Mariupol asegura que o complexo industrial foi atacado con fósforo branco durante esta fin de semana.