A terceira vaga de calor afectará Galicia, coa semana máis calorosa do ano
Meteogalicia activa este luns a partir das tres do mediodía o aviso amarelo por temperaturas por riba dos 36 graos na conca do Miño
A entrada dunha masa de aire cálido procedente de África elevará as temperaturas, sobre todo na provincia de Ourense, pero tamén na costa
O martes prevese que sexa o día máis caloroso e a vaga de calor estenderase ata o xoves
Ata o de agora Galicia librouse este verán das vagas de calor extremo do resto da Península. Pero esta semana volve a calor e as temperaturas van ascender por riba dos 30 graos en practicamente todas as localidades, tamén na costa, nas Rías Baixas poden superar os 35 graos.
Esa calor vai ser máis intensa na provincia de Ourense, onde xa están afeitos ás altas temperaturas. Alí agardan chegar aos 40 graos. Durante a semana o fresco haberá que ir buscalo ao terzo norte de Lugo e da Coruña, onde non chegarán aos 25ºC.
A onda de calor poñerá este luns en risco amarelo ou risco importante, laranxa, unha quincena de provincias de Andalucía, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Galicia e Comunidade de Madrid, con temperaturas de ata 44 graos, segundo o prognóstico da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).
Estarán en risco importante por altas temperaturas Córdoba, Huelva, Xaén, Sevilla, Cidade Real, Badaxoz e Cáceres, mentres terán aviso amarelo polo mesmo fenómeno Ourense, Ávila, Salamanca, Toledo, Madrid, Granada e Cádiz.
Así, segundo Meteogalicia, en Ourense capital poderíanse alcanzar os 37 graos, en Pontevedra os 34 e en Vigo os 33. Noutras cidades, como Santiago ou Lugo, espéranse máximas de arredor de 29 graos.