Publicador de contidos

Publicador de contidos

Escrivá di que a suba das cotizacións sería transitoria

Escrivá di que a suba das cotizacións sería transitoria

O ministro da Seguridade Social propuxo subir as cotizacións sociais dende 2023 para reforzar o peto das pensións, pero explicou que aínda está "en discusión cos axentes sociais"

Os sindicatos aplauden a proposta pero ven incertezas.

Os empresarios posiciónanse en contra da suba das cotizacións

G24.gal 03/11/2021 14:45

O ministro Escrivá evitaba concretar a proposta que trasladou aos axentes sociais: aumentar as cotizacións durante unha década para encher o peto das pensións. "Estamos aínda discutindo cos axentes sociais. É unha opción, que sería transitoria e continxente", di o responsable da Seguridade Social. 

Tampouco daba detalles o secretario de Estado de Seguridade Social e Pensións"Permítame que non faga comentarios sobre materias obxecto de negociación no diálogo social", comentou Israel Arroyo. 

Fontes desa negociación din que a proposta é un incremento de dez euros ao mes nun soldo medio, contía que se reduciría a cinco para un mileurista. Sería a partir de 2023, e revisable aos dez anos.

A ministra de Traballo pide prudencia, pero dende Podemos xa se amosaron contrarios á medida. "O Ministro fixo unha proposta, non a coñezo na súa integridade. Prudencia absoluta, deixemos traballar o diálogo social", salientou Yolanda Díaz. 

"Non pode ser á custa do esforzo, da saúde nin do poder adquisitivo da clase traballadora", advertiu Sofía Castañón, voceira adxunta de Podemos no Congreso. 

Tampouco lles gusta aos populares, que cren que encarece o custo laboral das empresas: "Sóanos fatal. As medidas que está tomando o Goberno van directamente en contra da creación de emprego", asegurou Elvira Rodríguez, vicesecretaria de Sectorial do PP. 

Ao PNV non lle parece mal o novo mecanismo, que vai ser debatido en detalle na próxima reunión do diálogo social, o 15 de novembro.

División dos axentes sociais

Os axentes sociais acollen a medida con cautela. Os empresarios posiciónanse en contra da suba das cotizacións sociais, mentres os sindicatos temen que a pretensión do Goberno non consiga achegar os recursos suficientes para soster o sistema de pensións as próximas décadas.

Á falta de definir canto asume o traballador, que deixaría de percibir parte do salario, e canto a empresa, que pagaría maiores cotas, a proposta non convence. Os empresarios posiciónanse en contra, e apostan por un novo modelo axustado á realidade do mercado laboral. 

Os  empresarios critican ademais a falta de información por parte do goberno central e o escaso tempo para negociar. 

Os sindicatos aplauden a medida que  aposta por unha estrutura de ingresos que evite o recorte das pensións, pero tamén falan de incertezas e propoñen medidas máis a longo prazo.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade