Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda nega recortes na sanidade e di que invisten 1.300 millóns máis ca o bipartito

Rueda nega recortes na sanidade e di que invisten 1.300 millóns máis ca o bipartito

O presidente da Xunta acusa a oposición de buscar "rédito político" coa manifestación do pasado día 12

Ana Pontón acusa a Xunta de recortar 2.339 millóns de euros na atención primaria 

Luis Álvarez dille a Rueda que vive "afastado da realidade" e pídelle que escoite "o clamor" da cidadanía

Alfonso Rueda na sesión de control do Parlamento Galego (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 22/02/2023 08:10 Última actualización 22/02/2023 13:02

Primeiro pleno no Parlamento de Galicia tras a manifestación multitudinaria celebrada o pasado día 12 en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública en contra da política sanitaria da Xunta. Na sesión de control celebrada esta mañá, o presidente da Xunta e os líderes da oposición acusáronse mutuamente dos problemas que existen na sanidade pública.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusa o PPdG de deixar un "burato negro" na atención primaria e de recortar a nivel asistencial 2.339 millóns de euros. Pontón pídelle ao presidente, Alfonso Rueda, que escoite a cidadanía.

"2.339 millóns de euros menos en atención primaria e aínda teñen o descaro de dicir que non hai recortes. Non queren ser parte da solución porque son parte do problema".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nega os recortes. Atribúe a "aforro en gasto farmacéutico" eses 2.339 millóns dos que fala Pontón e asegura que o seu Goberno investiu 1.300 millóns de euros máis na sanidade pública en 2023 do que o bipartito dedicou en 2009. Acusa a portavoz nacional do Bloque de "manipular as cifras" e "terxiversar" a realidade.

"Xa está ben de consignas e de falsealo todo. 1.300 millóns de euros máis dedicados á sanidade pública ca no bipartito. Ningún goberno beneficiou tanto a sanidade privada en Galicia como o bipartito".

Rueda acusa a oposición de buscar "rédito político" coa manifestación do pasado día 12 convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública. Cre que o BNG pensa que "canto peor funcione a sanidade publica, mellor lle vai ir".

Na sesión de control celebrada no Parlamento galego, o portavoz socialista, Luis Álvarez, asegurou que os 14 anos de goberno do PPdeG en Galicia só serviron para "afondar na desigualdade e na inequidade" dos servizos públicos, sobre todo no eido sanitario.

Álvarez aféalle a Rueda ignorar "o clamor social" da manifestación do pasado día 12 e acúsao de vivir "afastado da realidade".

"Vaia facer cola a un centro de saúde para ver se lle dan cita. Os galegos non atopan no seu goberno a resposta que precisan".

O presidente da Xunta responsabiliza o Goberno central da falta de médicos na sanidade pública galega. Alfonso Rueda afirma que o endurecemento dos criterios de docencia para formar profesionais na primaria deixará vacantes sen cubrir nos centros de saúde de Galicia.

"Dos 450 centros de saúde que hai en Galicia 350 non van poder impartir a docencia en primaria. Vai haber menos médicos en primaria para cubrir as vacantes. Por que fan isto? Non son capaz de entendelo. Non é capaz de entendelo ninguén".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar