Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda di que reclamará a Sánchez a gratuidade da AP-9 e que seguirá arbitrando solucións para a sanidade

Rueda di que reclamará a Sánchez a gratuidade da AP-9 e que seguirá arbitrando solucións para a sanidade

O presidente da Xunta pediu o apoio dos socialistas galegos na reivindicación ante o Goberno central mentres o Congreso debate a transferencia da infraestrutura a Galicia

Rueda defendeu ante Ana Pontón o traballo da Xunta para aplicar medidas na atención primaria de cara ao verán 

G24.gal 12/06/2024 09:36 Última actualización 12/06/2024 14:23

O presidente da Xunta Alfonso Rueda asegurou este mércores no Parlamento que o seu goberno seguirá arbitrando solucións para cubrir as necesidades da sanidade galega nos servizos de atención primaria. 

Asegurouno durante a sesión de control ao goberno da Xunta, en resposta á voceira do BNG Ana Pontón, a quen afeou que a formación nacionalista ocultase na campaña das eleccións ao Parlamento Europeo o contido do pacto con ERC e EH Bildu e que sexa agora cando se saiba que Ana Miranda non ocupará o escano durante os próximos cinco anos.

Pontón acusou a Rueda de improvisar medidas e de non saber anticipar os problemas da sanidade e ocultarse en interpelar ao BNG e mesmo lle propuxo que na cámara galega houbese unha sesión de control á xefa da oposición.

"Recoméndolle que vaia falarlle de Bildu, de Esquerra e das eleccións europeas á xente deste país que ten problemas coa sanidade", díxolle a líder do BNG, quen puxo como exemplos centros de saúde de Viveiro, O Courel, Forcarei, Cerdedo-Cotobade, Xinzo ou o Carballiño.

O presidente da Xunta, pola súa parte, acusou a Pontón de "terxiversar e contar mentiras" sobre a sanidade, e faino, dixo, "porque nunca gobernou".

"Por suposto que hai problemas", asegurou Rueda, "e imos intentar arranxalos, pero a vostede todo lle parecen ocorrencias".

"Vostede siga rindo, que nós seguiremos traballando", concluíu o presidente da Xunta antes de dicirlle a Pontón: "Despois toca preguntarlles aos galegos, e a nós seguen a darnos un apoio cada vez maior".

Por outra parte, no seu debate co voceiro do PSdeG, Alfonso Rueda pediulle a José Ramón Gómez Besteiro que o apoie na reclamación da gratuidade da AP-9, que insistiu lle vai solicitar a Pedro Sánchez.

Besteiro iniciara a súa intervención reprochando a Rueda non estar onte no debate no Congreso para reiniciar a tramitación da petición de transferencia de competencias da AP-9 a Galicia e engadiu que o que lles interesa aos galegos é "a gratuidade máis aló da titularidade" desta infraestrutura.

Por tanto, convidou a Rueda a non dar unha "mensaxe contraditoria" e aplicar tamén a gratuidade nas dúas autoestradas autonómicas, a AG-55 e a AG-57, á parte de instalo a levar o traspaso da titularidade á comisión mixta de transferencias co Goberno, máis alá da iniciativa no Congreso.

"Hai que traballar máis, hai que centrar o tiro e levar eses temas importantes de Galicia a onde hai que levalos, que é a comisión mixta, e apartarse dese ruído, dese lodo que lle queren trasladar desde Madrid. Apártese dese ruído e póñase a traballar, señor presidente", díxolle Besteiro a Rueda.

Para Rueda é o Goberno central o que ten que poñerse a traballar co estado das estradas estatais en Galicia porque "están que dan vergoña" e replicoulle a Besteiro que "se quere ser crible" defenda o compromiso que fixo en campaña electoral de conseguir a gratuidade da AP-9, unha reclamación que vai expor a Sánchez na súa próxima cita.

A reunión espera que sexa "inmediata", xa que está pendente desde a súa toma de posesión en abril como presente da Xunta.

Rueda indicou que Sánchez non desmentiu a promesa de Besteiro, aínda que si que o fixo o ministro de Transportes Óscar Puente, que "o deixou co cu ao aire" ao dicir que o rescate da autoestrada á concesionaria para a súa gratuidade é algo "inviable improcedente, e inasumible".

Así, pediu "coherencia" a Besteiro e que o PSdeG faga "por unha vez de partido galego" e non estea pendente do que lle digan desde a Moncloa, polo que espera que todas as "críticas e recursos" que teña que facer a Xunta conten co "acompañamento" dos socialistas galegos.

"Se o conseguimos eu serei o primeiro en aplaudilo, se quere vir comigo e o conseguimos entre os dous, tamén, e despois se quere vir aquí e lle dá un bico a unha cabina de peaxe eu aplaudireille", espetou Rueda a Besteiro, lembrando a visita a Vigo en que bicou un tren Avril o pasado 5 de xaneiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade