Sánchez afirma que a filtración das súas mensaxes é "un delito" e Feijóo esixe a súa dimisión
"Como gozan cunha filtración, esta si que é un delito", apuntou Sánchez na súa primeira referencia pública ao tema desde que El Mundo comezara a publicar as mensaxes
"Vostede non era un que pasaba por alí, era un que estaba ao tanto de todo, por iso o sabía e o tapou, porque participou", apostilou Feijóo
Sánchez interveu no rescate de Air Europa e deulle instrucións a Ábalos

O presidente do Goberno Pedro Sánchez afirmou este mércores no Congreso que a filtración das súas mensaxes co exministro José Luis Ábalos é un delito, mentres que o líder do PP Alberto Núñez Feijóo lle esixiu a súa dimisión e que convoque eleccións. "Como gozan cunha filtración, esta si que é un delito", apuntou Sánchez na súa primeira referencia pública ao tema desde que El Mundo comezara a publicar as mensaxes esta pasada fin de semana.
Na sesión de control ao Goberno no Congreso, Feijóo referiuse á publicación este mércores das últimas mensaxes no mencionado diario de Sánchez a Ábalos ordenándolle meditar e ver como enfocar o rescate de Air Europa e tomando posició contra que acabase en mans de IAG, propietario de Iberia. "Vostede non era un que pasaba por alí, era un que estaba ao tanto de todo, por iso o sabía e o tapou, porque participou", apostilou Feijóo, á vez que pediu a súa dimisión cun: "Váiase, convoque eleccións".
Aínda que o enunciado da pregunta do líder da oposición era "Cre que un Goberno colapsado serve aos españois?", Feijóo comezou a pregunta referíndose a esta publicación e afirmou que lle daba unha oportunidade a Sánchez de dar "a cara ante os españois", dicir "a verdade" e actuar "coa dignidade" que se merece España.
Sánchez respondeulle referíndose á "escandaleira" que montou o PP "cunha filtración absolutamente inexistente" referíndose, sen citalo, á investigación aberta ao fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, pola filtración á prensa dun correo da a parella da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
O líder do PP reclamou a Sánchez que moitos se cuestionaron por que o presidente incorporou a Ábalos ás listas do Congreso, en lugar de botalo, e que agora quedou demostrado que foi porque "lle ten medo". "Tanto esforzo en borrar o móbil do fiscal xeral do estado e o que tamén había que borrar era o móbil do señor Ábalos", espetou Feijóo, quen criticou o presidente por culpar os xornalistas, os xuíces, os socialistas que lle contradín e por "difamar" a Garda Civil e a UCO.
Sánchez referiuse ao adianto do congreso do PP anunciado por Feijóo esta semana e afirmou que o adianta para "calar o ruxerruxe dun liderado avariado". "Vostede comparou o Congreso do Partido Popular co conclave Vaticano. Ande con ollo, señor Feijóo, porque un entra papa e sae cardeal", dixo.
Sánchez cuestionou a Feijóo as súas razóns para adiantar o Congreso "para ter o Partido Popular preparado ante un anticipo electoral". "Eu pregúntome, señor Feijóo, é que a actual dirección do Partido Popular non estaba preparada para un anticipo electoral?, que fixeron vostedes durante estes dous anos?", afirmou.