Sánchez interveu no rescate de Air Europa e deulle instrucións a Ábalos
O presidente escribiu ao exministro unha mensaxe en que lle pedía "darlle unha volta" á fórmula para rescatar a aeroliña
Moncloa di que wasaps sobre Air Europa son "intranscendentes" e o rescate está avalado

Sánchez interveu no rescate de Air Europa cinco días despois da chamada do empresario Javier Hidalgo á muller do presidente Begoña Gómez, que investiga a UCO. Así o reflicten os whatsapps entre o presidente e o seu exministro, aos que tivo acceso El Mundo, intervidos pola Garda Civil no domicilio de Koldo García.
Segundo informa este diario, o presidente reenviou unha mensaxe ao seu número dous pedíndolle "darlle unha volta" á fórmula para rescatar a aeroliña.
Rexeitaba que quedase en mans da antiga British Airways e avogaba por meditar e ver como enfocar todo o proceso.
Moncloa fala de mensaxes "intranscendentes" e insiste en que o rescate conta co aval da xustiza
O Goberno considera que as mensaxes entre o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o exministro de Transporte José Luis Ábalos sobre o rescate de Air Europa son "intranscendentes", segundo afirmaron fontes de Moncloa, que insisten en que esa operación está "avalada" pola xustiza española e a europea.
"Non haberá un rescate máis revisado que ese", insistiron as fontes.
Patxi López: "Non achegan absolutamente nada"
O portavoz do PSOE no Congreso Patxi López afirmou este mércores que as novas mensaxes do presidente do Goberno Pedro Sánchez ao entón ministro de Transportes José Luis Ábalos sobre o rescate da aeroliña Air Europa non achegan nada.
En declaracións aos medios nos corredores do Congreso ao comezo da sesión de control ao Goberno, López di que é unha vergoña democrática que se coñezan mensaxes privadas do xefe do Executivo.
"Segue sendo un ataque ao dereito da intimidade e ao dereito ao segredo das comunicacións que non achega absolutamente nada", indicou na liña marcada polo Goberno e o PSOE desde que o pasado domingo se publicaran as primeiras conversacións de Sánchez.
Yolanda Díaz: "Espero que se depuren responsabilidades por estas filtracións"
A vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz afirma que as conversas privadas non deben ser comentadas e considera gravísimo que se estean filtrando á prensa.
"Espero que se depuren responsabilidades por estas filtracións; en democracia non poden pasar estas cousas".
No interior do hemiciclo, estas novas filtracións centraron tamén a sesión de control ao Goberno.