Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sergio Carreira aparca a súa renovación: "Estou nun bo momento e non quero distraccións"

Sergio Carreira aparca a súa renovación: "Estou nun bo momento e non quero distraccións"

O lateral do Celta pasou polo programa da Radio Galega Ao contraataque para analizar o seu bo momento persoal e do equipo

G24.gal 06/03/2025 22:45

Un dos xogadores de moda no Celta é o lateral dereito Sergio Carreira. O canteirán pasou a ser un dos titulares indiscutibles nas últimas xornadas e agradece a confianza con bo xogo e pases decisivos como o que lle deu a Iker Losada no gol do Xirona. Carreira remata contrato no mes de xuño e é libre para negociar con calquera equipo, pero prefire aparcar a súa renovación.

"Díxenlles aos meus representantes que falen o que teñan que falar, sobre todo co Celta, pero non quero distraccións", asegurou Carreira. "Estou pasando por un bo momento e quero aproveitalo ao máximo", dixo no programa Ao contraataque da Radio Galega. 

Carreira tamén falou da importancia que tivo Claudio Giráldez na decisión de quedar esta temporada no equipo vigués e na confianza que lle transmitiu desde o primeiro día de pretemporada. Despois de afrontar varias cesións esta é a primeira campaña completa de Carreira no primeiro equipo do Celta. 

Esas asistencias teñen moito que ver coa posición que ocupa no campo. Carreira fíxose dono do carreiro dereito. As asistencias teñen un denominador común ao buscar os compañeiros que entran desde a segunda liña. Un deles é Aspas: "Sempre é o primeiro que me berra na área" comenta o lateral. E si ese "atrás" segue funcionando seguro que vai continuar con ese tipo de pases para axudar a manter a boa xeira de resultados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade