Seis incendios permanecen activos na provincia de Ourense
O de Pena Trevinca ameaza o Teixadal de Casaio e supera as 2000 hectáreas
Tamén aumenta a superficie queimada no de Oímbra e o de Chandrexa
Quedaron estabilizados os tres de Vilardevós e mellor a situación no Ribeiro
As autoridades eran na tarde do mércores algo máis optimistas sobre a evolución dos incendios en Ourense. "A situación está máis calmada e xa podemos avanzar nas tarefas propias da extinción", aseguraba a xefa de Prevención de Incendios Forestais da provincia.
Pero ninguén baixa a garda, porque as reactivacións son moeda corrente no amplo territorio arrasado polas lapas. Comprobámolo pola tarde na Gudiña e en Oímbra.
"Deiteime ás cinco da mañá e ás oito xa estaba outra vez traballando. E agora imos para Vilar de Perdizes", di un bombeiro forestal.
Os veciños de esa localidade portuguesa estiveron axudando no incendio de Oímbra que leva arrasadas 17.000 hectáreas en territorio galego e toca devolverlles o favor agora que o lume foi cara a eles.
Tamén volveron traballar arreo efectivos da UME para protexer a aldea de Pepín, en Castrelo de Val.
Os incendios forestais non abandonan as serras ourensás. Hai reactivacións en Chandrexa onde as hectáreas calcinadas xa son 19.000. E continua activo o do Macizo de Pena Trevinca que entrou desde Castela e León. Medio Rural confirma unha superficie afectada de 2000 hectáreas. Queiomouse toda a contorna da Lagoa da Serpe e o lume ameaza a gran xoia ambiental do Teixedal de Casaio, o bosque máis antigo de Galicia.
"Xa está todo queimado na montaña de Trevinca e achégase ao Teixadal. Alí leva tres días a xente do lugar apagando o lume e comezaron a chegar algúns helicópteros", explica unha veciña.
Onde mellorou a situación é en Vilardevós. Quedaron estabilizado os tres incendios que afectaron este concello. Tamén no Ribeiro onde os responsables da extinción contan con que quede estabilizado en breve o que arrasou 4.000 hectáreas de oito concellos desta importante comarca vitivinícola.