Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sarriana e Gran Peña deixan todo para a volta

Sarriana e Gran Peña deixan todo para a volta

Partido sen moitas ocasións na Ribela, que mantén as opcións de ambos conxuntos (0-0)

G24.gal 18/05/2024 16:22

Primeira eliminatoria da promoción de ascenso á Segunda RFEF a que se xogou na Ribela de Sarria. S. D. Sarriana e R. C. Celta C Gran Peña pelexaban por conseguir unha vantaxe para o partido de volta que lle proporcionara o pase á seguinte rolda. 

A primeira parte mostrou dous equipos que tiñan máis medo a recibir que ansia por marcar. Iso deixounos un xogo trabado sen grandes ocasións, onde o Gran Peña buscaba xerar perigo con balóns en longo e a Sarriana intentaba combinar máis entrando por banda, mais tamén sen perigo. A máis clara tívoa o conxunto local. Unha xogada na que, tras un internamento polo lado esquerdo da área, Tijan poñía un balón moi perigoso o cal Miguel enviaba á dereita da portería celeste. O primeiro tempo remataría cun saque de esquina á favor da Sarriana que non atoparía rematador e ambos equipos marcharían a vestiarios practicamente como comezaron. 

O segundo tempo non traería grandes cambios de guión. Unha falta dende a dereita botada polos visitantes e un fantástico caneo de King serían as accións máis destacadas antes do tempo do grolo. Chegado o que para os adestradores é case un tempo morto ambos equipos aproveitarían para introducir cambios e tratar de axitar o partido. Especialmente a Sarriana sería quen movería máis o banco para intentar facer o primeiro. Os trocos veríanse reflectidos e os locais imprimirían unha marcha máis mentres o Celta C Gran Peña agardaba no seu campo e buscaba saír mediante transicións rápidas. Os minutos finais achegábanse e aí comezaron as ocasións. Primeiro virían dous balóns en longo da Sarriana no que primeiro se reclamaría penalti polo derrubamento do dianteiro local por parte de Alex Vila e,  escasos minutos despois outro balón longo batería no meta celeste que saíu ata case fóra da súa área para tapar. Pouco antes do asubío final o Gran Peña tería as súas dúas ocasións máis claras, dous golpeos dende a frontal que fixeron estirarse a Liz, mais que non chegarían ás redes da meta local. 

Asubío final do colexiado e os equipos abandonaron a Ribela de Sarria. O partido rematou co mesmo resultado co que comezou e queda todo por xogar para a semana que vén en Barreiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos