Aagesen, vicepresidenta terceira: "Sinalar as renovables é irresponsable e simplista"
A ministra para a Transición Ecolóxica non descarta de momento ningunha hipótese sobre a orixe do apagamento

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, afirma este domingo nunha entrevista do diario El País sobre o grande apagamento do luns que sinalar as renovables é "irresponsable e simplista".
Tras admitir que se tardarán "moitos días" en coñecer a orixe do erro eléctrico, Aagesen non descarta de momento ningunha posible causa, incluído un ciberataque, e engade que cando haxa certezas o Goberno actuará.
Subliña o "absurdo" de relacionar a apagada co calendario de peche das nucleares que as compañías eléctricas pactaron co Goberno e considera que Francia debe tomar conciencia de que "as interconexións teñen que chegar si ou si" para facer máis segura a rede eléctrica na Península.
"Estamos a investigar con moitísima prudencia e responsabilidade para ter certezas e poder transmitilas con total transparencia. E para buscar as medidas para que non volva ocorrer", explica.
Segundo Aagesen, o que saben ata o de agora é que "se produciron unhas oscilacións, unha primeira e unha segunda, e que finalmente o sistema chegou a un cero co corte da interconexión con Europa. Hai que analizar miles e miles de datos, e en canto poidamos teremos a causa".
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica sinala que o apagamento foi "algo totalmente insólito" pois en España nunca ocorrera algo igual.
"É complicado saber a causa porque dentro dos cinco segundos nos que ocorreron esas oscilacións, en cada milisegundo hai moitísimas variables que agora hai que estudar. Ademais, hai que analizar os distintos operadores", explica.