Santos Cerdán nega que recibise dous coches da trama corrupta do caso Koldo
O dixital Artículo 14 asegura que a Garda Civil entregará nas próximas horas ao Supremo un informe sobre o actual secretario de Organización do PSOE
O dixital Artículo 14 asegura que a Garda Civil entregará nas próximas horas ao Supremo un informe sobre o actual secretario de Organización do PSOE. Nel recóllese que a trama corrupta lle pagou a Santos Cerdán dous coches: un Audi para o político e un Volvo para a súa muller.
A autora do artigo preguntáballe por el ao ministro Félix Bolaños, quen asegurou, nunha entrevista en Onda Cero, que poñería a man no lume por el, "con toda claridade".
O titular de Xustiza pediu, ademais, deixar traballar os maxistrados sen facer caso de filtracións que "poden ser certo ao cen por cento ou falso ou cen por cento". En todo caso, cre o socialista que se trata dunha "indefensión absoluta" porque a súa publicación "xa pon en cuestión a honorabilidade dunha persoa".
O PP cualifica a información de "tremendamente grave" pero pide prudencia mentres non se confirme. En todo caso, o seu voceiro Miguel Tellado ten claro que, se el fose o protagonista, xa tería convocado hoxe mesmo unha conferencia de prensa no Congreso.
Non é esta a primeira vez que se vincula a Santos Cerdán co caso Koldo. O empresario Víctor de Aldama xa o acusou no Tribunal Supremo de cobrar unha comisión de 15.000 euros en efectivo.
O socialista sempre o negou. Tamén desmente o publicado este xoves. Di que ten un Volvo que mercou cun préstamo pero non un Audi e que a súa muller nin ten coche nin conduce.