Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago estreará a principios de 2024 a primeira residencia construída pola Fundación Amancio Ortega

Santiago estreará a principios de 2024 a primeira residencia construída pola Fundación Amancio Ortega

Custou 25 millóns de euros e terá 120 prazas, que se sumarán á rede pública da Xunta

G24.gal 24/10/2023 14:20

Santiago estreará a principios de 2024 a primeira das sete residencias de maiores construídas pola Fundación Amancio Ortega (FAO) e xestionadas pola Xunta, comprometidas para cada unha das sete cidades galegas. Este martes a presidenta da FAO, Flora Pérez Marcote, fixo a entrega oficial do centro ao xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, que avanzou que nos próximos meses abrirán as de Lugo e Pontevedra.

A de Santiago, situada no barrio do Castiñeiriño, ten 120 prazas distribuídas en 42 cuartos individuais e 39 dobres, ademais de salas de terapia, consultas médicas e servizos de comedor, podoloxía e salón de peiteado e unidades psicoxeriátricas para persoas con alzhéimer e outras demencias. 

"Dubido moitísimo que unha residencia deste tipo a haxa noutros sitios do mundo con esta calidade", afirmou Alfonso Rueda.

A alcaldesa do concello de Santiago, que cedeu o terreo, destacou a colaboración entre administracións para executar o proxecto. Goretty Sanmartín dixo que "é un día feliz para Compostela e para felicitarnos colectivamente".

As sete residencias financiadas pola Fundación Amancio Ortega terán un investimento total de 180 millóns de euros, esta custou 25, e sumarán 900 prazas á rede pública autonómica. A de Santiago abrirá no primeiro trimestre do ano que vén. As prazas cubriranse seguindo a lista de espera.

"Esta é a primeira. Dentro de pouco poderemos poñer en marcha a de Lugo e o ano que vén, cando menos, a de Pontevedra e así, agardo, con máis ou menos dificultades dependendo dos concellos, sexamos capaces de facer isto no resto de cidades", asegurou o presidente da Xunta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade