Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santalices: "Somos o Parlamento máis inclusivo, podemos sentirnos orgullosos"

Santalices: "Somos o Parlamento máis inclusivo, podemos sentirnos orgullosos"

O Parlamento de Galicia estrea novos accesos sen barreiras arquitectónicas

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, na entrevista para o programa 'Bos días' da Televisión de Galicia, este mércores (TVG).
G24.gal 02/10/2024 09:36

O Parlamento de Galicia acaba de inaugurar as obras de reforma coas que suprimen as barreiras arquitectónicas e se ordenan os tráficos rodados no acceso do centenario edificio que recupera así o servizo de entrada pola compostelá rúa do Hórreo.

Para a mellora da accesibilidade, as comunicacións verticais resólvense con ascensores, mentres que as horizontais, tanto exteriores como interiores, son practicamente planas.

Na estrea da nova cara do Lexislativo galego, o presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices Vieira, celebrou este acto de “profunda significación, non só para o Parlamento, senón para o conxunto da sociedade galega", porque entende que representa “a imperiosa necesidade de derrubar as barreiras que condicionan a plena inserción das persoas con calquera tipo de discapacidade".

Nunha entrevista para o programa Bos días da Televisión de Galicia, Santalices explicou a necesidade da obra xa que, na configuración anterior do edificio, "no seu acceso case principal, a dificultade para unha persoa con mobilidade reducida ou unha discapacidade era moi grande: había unha separación desde o control da policía ata a entrada, co cal moita xente, como as visitas escolares, agardaban á intemperie, tamén había unhas ramplas cunha inclinación bastante severa co cal as persoas en cadeira de rodas tiñan o acceso moi complicado". 

Santalices subliñou a fonda significación que supón a supresión das barreiras arquitectónicas do Parlamento. "Desde o Parlamento, como primeira institución, non solucionamos o problema, pero chamamos a atención e pedimos ás institucións que se impliquen nun asunto que é unha obriga cidadá e de todos, que é o de favorecer a quen o precise; desde aquí facemos un chamamento a mellorar a inclusión da xente dentro da nosa sociedade".

O Pazo do Hórreo é un edificio centenario: entrou en servizo en 1915 como escola de veterinaria, pero enseguida cambiaría de uso -nos anos 20 do século pasado- para albergar un cuartel militar ata que  en 1986 a Xunta o mercou ao Ministerio de Defensa para convertelo na sede do Parlamento de Galicia. Posteriormente, unha rehabilitación modélica, obra de Andrés Reboredo, permitiu dotar á Cámara galega dunha sede definitiva, despois de ter itinerado por dous espazos prestados: os pazos de Xelmírez e de Fonseca.

O presidente do Lexislativo galego destacou do proxecto arquitectónico de reforma, obra do estudo coruñés Tejedor y Otero Arquitectos, a súa luminosidade, funcionalidade e a integración nun contexto de contundente monumentalidade como o que conforma o pazo do Hórreo.

"Fixeron un gran traballo, está moi ben ensamblado na estrutura do edificio, respecta moi ben a pedra e está moi lograda, é unha obra moi interaccionada co inmoble; podemos felicitarnos porque isto mellorou sensiblemente a nivel estético e, fundamentalmente, práctico, porque favorecemos unha xente que necesitaba acceder ao Parlamento nas mellores condicións", salientou Santalices.

Dada a súa longa traxectoria política, o presidente da Cámara galega afirmou coñecer todas as sedes parlamentarias autonómicas do Estado. "Podo afirmar, que somos o Parlamento máis inclusivo, podémonos felicitar e sentírmonos orgullosos e a min non me importa que nos copien", rematou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade