O Consello de Ministros aprobará este martes o estatuto do bolseiro
O texto foi pactado con UXT e CCOO en 2023 e busca reforzar os dereitos do alumnado en prácticas
A patronal desmarcouse do acordo e a norma deberá obter apoios no Parlamento
                        Unai Sordo, Yolanda Díaz e Pepe Álvarez asinron en 2023 o estatuto do bolseiro
            O Consello de Ministros ten previsto aprobar este martes o anteproxecto de lei do Estatuto da Persoa Bolseira, pactado en xuño de 2023 cos sindicatos e orientado a mellorar os dereitos do alumnado en prácticas.
Segundo fontes do Ministerio de Traballo, a norma chega ao Consello dous anos e medio despois do acordo con UXT e CCOO, tras quedar paralizada na anterior lexislatura polo adianto electoral. O Goberno reactivou a tramitación hai un ano co obxectivo de retomar o proxecto.
O texto inclúe medidas como a compensación de gastos das persoas en prácticas, o dereito a vacacións e sancións ás empresas que incumpran a normativa. A patronal CEOE desmarcouse do pacto ao considerar que non era o momento axeitado para aprobar a lei coas Cortes disoltas.