Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade censura a "lamentable" pregunta do MIR que culpa un médico dos atrasos

Sanidade censura a "lamentable" pregunta do MIR que culpa un médico dos atrasos

A pregunta expoñía o caso dun médico de 50 anos que "con frecuencia acumula atraso de 2 horas na consulta, creando algún conflito, aínda que é o que menor cota ten de pacientes"

"Parece máis unha broma pesada que unha pregunta digna de ser incluída nun exame MIR", sinalou a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen)

Javier Padilla, secretario de Estado de Sanidade, engadiu que as probas son elaboradas por "profesionais de diversa traxectoria e procedencia en cada categoría de exame"

G24.gal 22/01/2024 15:51

O Ministerio de Sanidade e as sociedades científicas de atención primaria censuraron este luns a "lamentable" pregunta da proba MIR celebrada o pasado sábado que insinuaba que o atraso na asistencia era culpa dun médico de familia.

"Esta pregunta é lamentable e unha falta de respecto a todos os profesionais de Atención Primaria que sempre son 'os últimos en saír' cunhas consultas infinitas e un compromiso máis infinito aínda cos seus pacientes", escribiu Javier Padilla, secretario de Estado de Sanidade, na súa conta na rede social X.

O comité de Expertos que elabora estas probas está composto por 5 ó 6 persoas, cada unha das cales están apoiados por entre 10 e 15 colaboradores.

Fontes de Sanidade consultadas por EFE engadiron que estes expertos, con experiencia en educación e formación especializada recompilan, durante máis de seis meses, repostas de colaboradores, cualifican a dificultade das preguntas propostas, reelaboran e seleccionan as preguntas da proba.

Estes profesionais comezan a traballar entre abril e maio na proba do ano seguinte. Despois de seleccionarse e entregarse, van directamente á empresa adxudicataria da impresión, co que a comisión cualificadora coñece o exame ao mesmo tempo que as persoas que se examinan ese día.

A pregunta que suscitou a polémica é a número 84 do exame MIR, que congregou o pasado sábado a 13.990 aspirantes para 8.772 prazas. Esta expoñía o caso dun médico de 50 anos que "con frecuencia acumula atraso de 2 horas na consulta, creando algún conflito, aínda que é o que menor cota ten de pacientes", e iso que "empeza a súa xornada laboral antes da hora para planificar e adiantar o seu traballo, pero sempre é o último en saír".

Segundo o cuestionario, o facultativo en cuestión xustificábase en ser "moi perfeccionista" e aseguraba que entre visitas e burocracia, apenas tiña tempo para nada, nin sequera "para ir ao ximnasio" ou a "vida social"; os aspirantes debían responder se este exceso de perfeccionismo é síntoma dalgún trastorno de personalidade como esquizofrenia, trastorno esquizoide ou obsesivo compulsivo.

A Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen) considera que esta pregunta é "desafortunada" porque "responsabiliza" o médico dun dos problemas que afectan o sistema sanitario español, motivo polo que transmitiu o seu malestar, ao considerar este feito "unha lamentable falta de respecto cara aos profesionais".

A Semergen lembrou que a Atención Primaria sofre unha "profunda crise" derivada da falta de investimento, a menor dotación de recursos humanos, a precariedade laboral e a excesiva burocracia que soportan os médicos de familia. Tamén a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) expresou o seu "profundo malestar" por este asunto.

Ademais, instou o Ministerio de Sanidade a dar explicacións e que "pida desculpas de forma inmediata a todos os médicos de familia españois e profesionais de Atención Primaria en xeral".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos