Publicador de contidos
Publicador de contidos

José Miñones, novo ministro de Sanidade

José Miñones, novo ministro de Sanidade

Xurará o cargo este martes, canda o novo titular de Industria, Héctor Gómez

Perfil do ata agora delegado do Goberno en Galicia

Reaccións en Galicia e no resto de España

G24.gal 27/03/2023 08:48 Última actualización 27/03/2023 12:31

As substitucións de Carolina Darias e Reyes Maroto por José Miñones Conde e Héctor Gómez Hernández á fronte, respectivamente, dos ministerios de Sanidade e Industria, supoñen a quinta remodelación do Goberno de Pedro Sánchez na actual lexislatura.

José Manuel Miñones Conde encargarase de Sanidade deixando o posto de delegado de Goberno en Galicia. Héctor Gómez Hernández será o novo titular de Industria despois de ser voceiro do grupo parlamentario socialista no Congreso.

O presidente do Goberno dixo que con estes dous nomeamento quere afrontar a recta final da lexislatura, con obxectivo claros como crear emprego, fortalecer os servicios públicos, seguir cunha transición ecolóxica ambiciosa e afondar na igualdade.
 

Os nomeamentos fixéronse públicos despois de que Sánchez llos comunicase ao rei Filipe VI e previsiblemente xurarán ou prometerán os seus cargos este martes as 9.00 no Palacio da Zarzuela, segundo anunciou a Casa do Rei.

Despois os novos ministros irán ás sedes dos seus respectivos ministerios para celebrar o tradicional intercambio de carteiras coas ministras saíntes, Reyes Maroto, en Industria, e Carolina Darias, en Sanidade.

A toma de posesión obrigará a atrasar o inicio da reunión do Consello de Ministros, xa coa nova composición do gabinete de Pedro Sánchez, que comezará cara ás 11:30 horas aproximadamente.

Un Executivo cun total de 22 ministros e con catro persoas como vicepresidentes. Os cambios rebaixan en 8 puntos a representación das mulleres no Consello de Ministros ata o 52 %. Hai 10 ministros homes en Exteriores; Interior; Presidencia e Relacións coas Cortes; Agricultura, Pesca e Alimentación; Cultura, Consumo; Inclusión, Seguridade Social e Migracións e Universidades--, aos que hai que sumar ao presidente do Executivo. E 12 mulleres nos departamentos: Asuntos Económicos (vicepresidencia primeira); Traballo e Economía Social (vicepresidencia segunda); Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (vicepresidencia terceira); Xustiza; Defensa; Facenda; Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; Educación e Formación Profesional; Política Territorial; Dereitos Sociais e Axenda 2030; Ciencia e Innovación e Igualdade.

As ministras de Industria, Comercio e Turismo Reyes Maroto e de Sanidade Carolina Darias, traballan agora polas súas respectivas candidaturas ás alcaldía de Madrid e As Palmas de Gran Canaria. 

Sánchez destacou o traballo das ministras ao fronte dos seus cargos no momentos máis difíciles, sobre todo durante a pandemia. De Martoto dixo que soubo remangarse e atopar solucións.

De Darias destacou a súa capacidade de xestión e o éxito da campaña de vacinación conta a covid-19.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar