Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez insiste en que España non gastará máis do 2,1 % do PIB en defensa malia o acordo da OTAN de subilo ao 5 %

Sánchez insiste en que España non gastará máis do 2,1 % do PIB en defensa malia o acordo da OTAN de subilo ao 5 %

Os países da OTAN rubrican o seu compromiso para gastar o 5 % en defensa en 2035, nuha declaración na Haia sen ningunha excepción clara para países como España

"Hai un acordo sobre non estar de acordo (....) Eles pensan que poden alcanzar os obxectivos de capacidades cun 2,1 % do PIB; a OTAN di que ten que ser o 3,5 % como para todos os outros aliados", dixo Rutte sobre a posición de Sánchez

directo (Reuters/Yves Herman)
G24.gal 25/06/2025 13:30 Última actualización 25/06/2025 17:28

Todos os países membros da OTAN reafirmaron este mércores o seu “compromiso inquebrantable coa defensa colectiva” e comprometéronse a investir para 2035 un 5 % do seu PIB en defensa coa obrigación de presentar plans anuais que mostren “un camiño crible" cara a esta meta.

Así o apunta a declaración final do cumio da Haia, apoiada polos 32 xefes de Estado e de Goberno da OTAN, que non recolle ningunha excepción clara para países como España e que sinala que os aliados se comprometen a incrementar o gasto ao 5 % do seu PIB, debido ás “profundas ameazas e desafíos á seguridade.

En particular, engade a declaración, a ameaza a longo prazo que representa Rusia para a seguridade euroatlántica e a ameaza persistente do terrorismo”.

Porén, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, nunha intervención ante os medios de comunicación insistiu en que España non gastará máis do 2,1 % do PIB en defensa.

Sánchez insistiu nesa porcentaxe de gasto, que considerou un éxito tanto para España como para a OTAN, para a seguridade de todos e para o estado do benestar.

O presidente do Goberno defendeu que España quixo ir "pola vía das capacidades", asegurando que con ese investimento do 2,1 % poden cumprirse, e manifestou que non tiña dúbida que "con outro presidente no meu lugar teríase asinado ese incremento do gasto do 5 %".

Sánchez tamén respondeu ás críticas do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, nas que acusou a España de ser un problema para a OTAN asegurando que "España sempre é a solución, nunca é o problema".

Dixo ademais que non tivo oportunidade de conversar co presidente estadounidense e nin sequera saudalo, o que atribuíu a algo "casual".

Rutte di con España "hai un acordo sobre non estar de acordo"

Pola súa parte o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, afirmou que hai con España o “acordo sobre non estar de acordo” en torno ao novo obxectivo de gasto militar.

"Hai un acordo sobre non estar de acordo en que eles pensan que poden alcanzar os obxectivos de capacidades cun 2,1 % do PIB; a OTAN di que ten que ser o 3,5 % como para todos os outros aliados", dixo Rutte nunha conferencia de prensa ao termo do cumio.

En calquera caso, preguntado por se considera que España vai en serio sobre o novo obxectivo de gasto en defensa apoiado hoxe por todos os aliados, Rutte afirmo: "Si, créoo". 

Feijóo cre que Sánchez asumiu o compromiso do 5 % en defensa e acúsao de protagonizar "unha farsa"

O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, acusou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de protagonizar unha “farsa” e de asumir finalmente o compromiso da OTAN de investir o 5 % do PIB en defensa. “A farsa rematou. Sánchez asinou o 5 %”, publicou Feijóo na rede X, pouco despois da comparecencia de Sánchez desde A Haia.

O Partido Popular, pola súa banda, evitou pronunciarse sobre se apoia ou non o obxectivo do 5 %, á espera de que se concretase o acordo no cumio atlántico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade