Publicador de contidos

Publicador de contidos

España pide respecto ao dereito internacional na franxa de Gaza

España pide respecto ao dereito internacional na franxa de Gaza

O Goberno central avanza un incremento da axuda humanitaria na zona

Belarra e Pontón coinciden en cualificar como "xenocidio" o que está a suceder alí

G24.gal 14/10/2023 20:22 Última actualización 14/10/2023 22:52

Pedro Sánchez condena con rotundidade (esa é a expresión literal) o ataque de Hamas a Israel. Sostén que o Estado israelí ten o dereito a defenderse, pero sempre atendendo ás normativas internacionais e de carácter humanitario que, ao seu entender, non avalan a evacuación de Gaza. E esta é a solución que propón ao conflito:

"Soamente se vai resolver cando, como din as Nacións Unidas e tamén as Cortes Xerais, se recoñezan os dous Estados, Israel e Palestina, para que poidan coexistir en paz e con seguridade".

Para o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, é necesario garantir a protección da poboación civil palestina, o seu acceso a servizos básicos e que poida entrar axuda humanitaria na Franxa de Gaza, porque o dereito humanitario debe respectarse "sempre".

Segundo dixo a través da rede social X, o Goberno está preparado para incrementar a axuda humanitaria destinada a Gaza tras o apoio inicial dun millón de euros a través das axencias de Nacións Unidas.

"Crimes de guerra"

Desde Podemos, Ione Belarra, pídelle ao Goberno de Sánchez, do que ela forma parte, que denuncie a Israel ante a Corte Penal Internacional por "crimes de guerra" e que condene os ataques contra o pobo palestino.

"O Estado de Israel está levando a cabo un xenocidio planificado na faixa de Gaza deixando sen luz, sen comida e sen auga centos de miles de persoas".

Posición "vergoñenta"

A líder do BNG, Ana Pontón, reclámalle ao Goberno central que se desmarque da posición da Unión Europea favorable a Israel, á que cualifica como "vergoñenta". Tamén aposta pola creación dun Estado palestino fronte ás posicións belicistas.

"A comunidade internacional non pode mirar cara a outro lado cando o Estado de Israel prevé un ataque indiscriminado contra a poboación civil de Gaza que na práctica é un xenocidio contra o pobo palestino".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade