Publicador de contidos

Publicador de contidos

Carburantes, gas e electricidade rebaixan o IVE ao 10 % nun plan que mobiliza 5.000 millóns

Carburantes, gas e electricidade rebaixan o IVE ao 10 % nun plan que mobiliza 5.000 millóns

"Seremos o país co maior escudo social e económico de toda a Unión Europea, dunha guerra que non avalamos", di o presidente do Goberno

A rebaixa na fiscalidade dos carburantes será de ata 30 céntimos por litro

O plan inclúe axudas directas ao transporte, á pesca e ao agro, e control das marxes empresariais

O FMI recorta o crecemento do PIB para España e sitúao nun 2,1% pola guerra de Irán

(EFE/Javier Lizón)
G24.gal 20/03/2026 13:33 Última actualización 20/03/2026 16:48

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, avanzou este venres que o Plan integral de resposta á crise en Oriente Medio mobilizará 5.000 millóns de euros para "protexer os cidadáns, axudar as pemes, o sector primario e, por suposto, a industria".

O xefe do Executivo, na comparecencia posterior á xuntanza deste Consello de Ministros Extraordinario, amosouse "moi enfadado" coa situación mundial, da que responsabilizou a "determinadas decisións e determinados gobernos" e que "pese a non avalar esta guerra", afirmou, "o Goberno vai mobilizar todos os recursos necesarios".

Así, dixo que "seremos o país co maior escudo social e económico de toda a Unión Europea, dunha guerra que non avalamos".

Sánchez compareceu en conferencia de prensa tras o Consello de Ministros extraordinario que aprobou o primeiro paquete de medidas para paliar os efectos da guerra en Oriente Medio, cun atraso de máis de dúas horas debido a que os ministros de Sumar negábanse a entrar á reunión se non se incluían medidas de vivenda.

"Redución drástica da fiscalidade enerxética"

Finalmente, o Goberno optou por aprobar dous reais decretos leis, un para temas de vivenda e outro xeral, que pasa por unha "redución drástica da fiscalidade enerxética".

O plan inclúe unha baixada do IVE dos carburantes "ata o mínimo que permite a Unión Europea", o 10 %, o que permitirá aos usuarios aforrar ata 30 céntimos por litro en función do combustible utilizado, uns 20 euros por depósito por coche medio, subliñou o presidente.

O plan tamén baixa nun 60 % os impostos da electricidade, detallou Sánchez, o que inclúe a suspensión do imposto de produción de enerxía eléctrica -do 7 % e que pagan as eléctricas- e a redución do imposto especial de electricidade, que pasa do 5,11 % ao 0,5 %.

Así mesmo, baixa o IVE da electricidade e o gas do tipo xeral (21%) ao reducido (10%) e limita o prezo do butano e do propano.

Ao mesmo tempo, van estender ata decembro de 2026 todos os descontos extraordinarios do bono social eléctrico, vai reforzar "de forma substantiva o bono social térmico" e a prolongar a prohibición de interromper as subministracións esenciais aos fogares máis vulnerables.

Control das marxes empresariais

Ademais, dotarase á Comisión Nacional dos Mercados da Competencia (CNMC) de novas capacidades de supervisión e de sanción para que se "persiga e castigue con dureza" a calquera empresa que "aproveite esta crise ou as axudas do Estado para enriquecerse".

O obxectivo é garantir que todas estas axudas non se desvirtuen e que "cada euro deste plan que sae do esforzo dos contribuíntes volva íntegro a eles". "O que non podemos tolerar é que por pura cobiza tenten sacar tallada desta guerra", subliñou Sánchez.

Axudas directas aos sectores máis afectados

O texto prevé unha bonificación directa de 20 céntimos por litro de combustible a todos os transportistas, agricultores, gandeiros e pescadores e unha axuda equivalente para a compra de fertilizantes, para que eses sectores "poidan capear esta crise" e "conter todo o posible os prezos da cesta da compra".

O pan tamén inclúe medidas relacionadas coa electrificación e as renovables, con deducións para a instalación de placas solares, puntos de recarga e bombas de calor, a posta en marcha de novas axudas para a climatización de edificios ou a axilización na instalación de enerxías renovables.

Refórzase do autoconsumo, estendendo de 2 a 5 quilómetros a distancia máxima entre a xeración e o consumo, así como habilitando ás entidades locais a promover novas modalidades e comunidades enerxéticas. E auméntase a capacidade de almacenamento eléctrico, mediante baterías, declárase de utilidade pública do bombeo hidroeléctrico e impúlsanse as renovables.

Darase maior flexibilidade por lei nos contratos de subministración enerxética, para empresas e autónomos, e haberá deducións no IRPF do 15 % para a compra de vehículos eléctricos e enchufables.

No Imposto de Sociedades, recóllese liberdade de amortización para investimentos en renovables que substitúan equipos fósiles. Tamén se habilita aos concellos para bonificar ata nun 50 % o IBI para quen instalase sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxías renovables, xunto á bonificación de ata o 95 % para as obras e instalacións destes sistemas.

En canto ás medidas laborais prohíbese o despedimento nas empresas que reciban axudas públicas relacionadas cos efectos económicos da guerra, e impúlsase á entrada en vigor dos plans de mobilidade sostible, ao que estarán obrigadas a ter todas as empresas de máis de 200 persoas traballadoras ou 100 por quenda, para facilitar os desprazamentos do seu persoal ao centro de traballo.

Este plan de 80 medidas que entrará en vigor "mañá mesmo" vai beneficiar directamente aos 20 millóns de fogares e tres millóns de empresas do noso país, detallou o presidente, que insistiu en que iso "non vai impedir que os efectos desta guerra ilegal cheguen a España pero si que sexan menos erosivos e máis levadíos".

Sánchez apelou á "responsabilidade" dos grupos parlamentarios para aprobar os reais decretos leis e sinalou que o que recolle a maioría das medidas anticrise, que cre que ten "maioría" suficiente, votarase no Congreso a próxima semana.

O conflito en Oriente Medio "está a provocar as primeiras réplicas dun terremoto económico de escala global, e aínda que "ninguén sabe" como vai evolucionar, se se alonga podería derivar nunha "grave crise", da que os españois, asegurou, "imos saír máis fortes". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade