Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez anuncia unha comisión de investigación no Congreso e descarta o adianto electoral

Sánchez anuncia unha comisión de investigación no Congreso e descarta o adianto electoral

O secretario xeral do PSOE durante a súa comparencia en Ferraz. EFE/Javier Lizón.
G24.gal 16/06/2025 17:03 Última actualización 16/06/2025 21:31

O presidente do Goberno e secretario xeral socialista, Pedro Sánchez, defendeu este luns a actuación do PSOE no caso do exsecretario de Organización Santos Cerdán.

Nunha comparecencia ante a prensa en Ferraz despois da primeira reunión da Executiva socialista tras a saída de Cerdán, que durou preto de cinco horas, Sánchez subliñou que o PSOE é un partido "limpo" e engadiu que "este é o único caso de suposta corrupción que afecta á miña organización desde que teño a honra de dirixila".

O presidente do Goberno anunciou que comparecerá no Congreso a petición propia para dar explicacións na primeira data dispoñible e avanzou que o PSOE vai impulsar unha comisión de investigación nas Cortes para "coñecer a verdade" sobre o caso Koldo.

O xefe do Executivo volveu a descartar a posibilidade de convocar eleccións anticipadas, deixou claro que serán cando tocan, en 2027, e precisou que en ningún caso pensou en facelas coincidir coas autonómicas e municipais.

Subliñou que as eleccións "son cada catro anos": "Así foron e así seguirá sendo. Non imos romper a estabilidade de España, que vive un dos seus mellores momentos das últimas décadas para poñelos en mans da peor oposición que tivo a historia democrática do noso país".

"O meu deber como capitán é tomar o temón, capear esta tormenta, tomar as medidas necesarias para recuperar a confianza dos españois na miña organización e protexer o Goberno de coalición progresista", chegou a dicir durante a súa comparecencia.

Rexeitou ademais a opción de presentar unha cuestión de confianza e ratificouse en que non fará cambios no seu Executivo.

 

O presidente do Goberno retou os líderes do PP, Alberto Núñez Feijóo, e de Vox, Santiago Abascal, a presentar "canto antes" unha moción de censura se están tan convencidos de que o Executivo perdeu a maioría parlamentaria.

Sánchez recalcou que o democrático non é facer dimitir ao rival con "algunhas verdades e moitas mentiras", senón articular unha maioría parlamentaria alternativa e dicir que proxecto de país teñen. 

Ao ser cuestionado sobre se ninguén do partido ou do Goberno lle advertira do comportamento de Cerdán, Sánchez preguntou como debía enfrontar uns rumores cando el persoalmente tamén os está sufrindo e "non obedecen a ningunha verdade", en referencia ás causas xudiciais que afectan a súa contorna impulsadas, lembrou, por organizacións de ultradereita.

Ademais, recoñeceu que desde que tivo coñecemento dos indicios contra o que foi número 3 socialista explorou todas as opcións, tamén dimitir, pero decidiu continuar polo interese de España e do PSOE.

Dixo que non permitirá que "a suposta corrupción duns poucos", que circunscribiu a dúas persoas -Cerdán e Ábalos-, "bote por terra a integridade dunha das administracións públicas máis limpas da historia democrática do noso país".

Informou de que falou con varios líderes territoriais e proximamente farao cos demais e apuntou a que algúns membros do PSOE "lexitimamente están a expor distintas opcións" ao decidido ata o de agora e animoulles a expresarse no Comité Federal, que finalmente terá lugar en Madrid o 5 de xullo.

Sánchez tamén se referiu aos audios nos que se escoitan a Ábalos e a Koldo falar sobre pasar a noite con diferentes mulleres e mostrou a "pena" e a repulsa que sente el e o resto da Executiva federal.

"É repugnante a falta de exemplaridade, a zafiedade das expresións e o machismo que proxectan son absolutamente incompatibles cos valores feministas desta organización e coa nosa identidade como partido", remachou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade