Sánchez anuncia un maior gasto militar para garantir a seguridade
O presidente do Goberno di que é preciso un maior investimento para que conflitos como o de Ucraína non poñan en risco o actual modelo democrático
Conmemóranse os 40 anos da entrada de España na OTAN cun acto do que ausentaron os ministros de Unidas Podemos
O presidente do Goberno Pedro Sánchez anunciou este luns no acto conmemorativo do 40 aniversario da OTAN que é preciso acometer un maior investimento en gasto militar co obxecto de garantir a estabilidade e a seguridade de España e que conflitos como o de Ucraína non poñan en risco o actual modelo democrático.
“Vou transmitir aos españois que debemos facer ese esforzo, porque moito maior é o custo de quedar de brazos cruzados mentres se pon en xaque o máis elemental, o máis fundamental da nosa sociedade, como é a liberdade e o noso modelo de convivencia pacífica e democrática”, advertiu Sánchez.
A decisión de Rusia de invadir Ucraína "abriu os ollos" á sociedade europea, dixo Sánchez
A decisión de Rusia de invadir Ucraína, segundo Sánchez, "abriu os ollos" á sociedade europea e española de que "a unidade é esencial" para preservar a seguridade e de que esta "non está garantida de forma indefinida" e pode "corromperse" se non se actúa.
"A democracia de que as nosas sociedades gozan e a nosa prosperidade necesitan imperiosamente da seguridade. Cando a seguridade está en perigo, todos os seus fundamentos corren o risco de colapsar", advertiu.
Sánchez fixo fincapé en que para facer fronte a ameazas como a de Rusia, "é imprescindible reforzar as capacidades de disuasión", o que "vai esixir capacidades militares modernas, capaces e dispoñibles que só se adquiren cun aumento do investimento en defensa".
Sánchez non deu detalles de como se vai afrontar o investimento militar
O presidente non deu detalles de como se vai afrontar o maior investimento militar, nin cal vai ser o volume de gasto que planea recoller nos orzamentos para o próximo ano.
A Alianza Atlántica, apuntou Sánchez, ten aínda "moito camiño por percorrer" e remarcou o desexo de "facelo xuntos da man dos españois" para que sexa unha organización "máis forte e eficaz".
A partida de defensa para o presente exercicio representa o 1,03 por cento do PIB e a meta que marcou o Executivo é duplicala en 2024.
Ao repasar o que supuxo a pertenza de España á Alianza Atlántica, que se fixo efectiva o 30 de maio de 1982, o presidente do Goberno sinalou que contribuíu "enormemente" á seguridade:
"É fundamental para garantir o que somos, o noso modelo de vida, a nosa estabilidade e o futuro de xeracións próximas".
A cita que supoñerá a primeira visita a España do presidente dos Estados Unidos Joe Biden representa, a xuízo de Sánchez, "unha grande oportunidade de mostrar aos españois as vantaxes destes 40 anos de pertenza á organización" fundada en 1949.
Para Sánchez, "a firmeza no apoio a Ucraína é inquebrantable" e é "a mellor arma de disuasión"
"Os aliados decidimos estar no lado correcto da historia, defendendo a paz e o dereito internacional, e facelo con convicción e sen temor, promovendo todos aquilo que defendemos: un mundo máis xusto, próspero e seguro", salientou.
Para Sánchez, "a firmeza no apoio a Ucraína é inquebrantable" e é "a mellor arma de disuasión" para evitar unha escalada do conflito de Ucraína, que definiu como "o maior desafío da OTAN na súa historia recente".
O acto do 40 aniversario celebrouse no Teatro Real en presenza de Filipe VI, do secretario xeral da OTAN Jens Stoltenberg e mais de 300 invitados, representantes dos 30 países que integran a organización, ademais dos expresidentes do Goberno Felipe González, José María Aznar e José Luis Rodríguez Zapatero.
Discrepancias no seo do Goberno sobre o aumento en Defensa
Ese aumento do gasto en Defensa provocou un novo desencontro entre os socios de coalición. O voceiro de Unidas Podemos, Javier Sánchez, asegurou que "se nos dan a elixir entre multiplicar o gasto en tanques e metralletas ou en contratar máis médicos para a atención primaria ou máis profesores, témolo claro, a prioridade para nós é o gasto social".
Margarita Robles, ministra de Defensa, recoñece as discrepancia pero asegura que "a posición do Goberno de España non admite matices, quen marca as directrices en política exterior e en política de Defensa é o presidente do Goberno"
Unidas Podemos tamén discrepa coa celebración do cumio da OTAN a finais de xuño en Madrid. Por esa razón, ningún dos seus ministros acudiu este luns ao acto no Pazo Real. Si acudiron seis ministros da parte socialista, tamén tres expresidentes do goberno e tanto o actual secretario xeral da OTAN como os seus predecesores no cargo.