Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Sabadell denuncia ao BBVA ante a CNMV por ocultar información aos investidores

O Sabadell denuncia ao BBVA ante a CNMV por ocultar información aos investidores

G24.gal 09/05/2024 23:46

Banco Sabadell denunciou ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que a documentación e información achegada por BBVA este xoves vulnera o réxime de opas e introduce "datos incompletos" que poden afectar á información de que dispoñen os investidores.

Nun conciso comunicado, o banco catalán informou dun feito relevante no que se refire á opa hostil comunicada antes da apertura dos mercados á CNMV por parte de BBVA, despois de que Banco Sabadell rexeitase a proposta amigable que lle presentaba o pasado 30 de abril.

Tamén se refire á presentación en inglés difundida sobre a operación, a unha nota de prensa e á conferencia celebrada con analistas e investidores, na que posteriormente se abriu unha quenda de preguntas. 

En opinión do Sabadell, a referida documentación, non incorporada ao anuncio, e a información proporcionada na reunión vulneran o artigo 32.1 do Real Decreto 1066/2007, do 27 de xullo, sobre o réxime das ofertas públicas de adquisición de valores.

Ademais, "introducen datos incompletos que poden afectar o mercado". Banco Sabadell asegura trasladar á CNMV esta "circunstancia" para que "o mercado conte con información completa e transparente e se garanta un proceso ordenado e correcto". 

Esta comunicación ten lugar tras un longo día en que os mercados abriron coa noticia de que, tras o rexeitamento da oferta amigable inicial para integrar o Banco Sabadell, BBVA decidira lanzar unha opa hostil para tratar de absorber o banco catalán.

Esta iniciativa tivo unha resposta case inmediata por parte do Goberno, que dixo que rexeitaba a operación e advertiu que ten a "última palabra".

O prezo proposto por BBVA é igual que o que ofreceu o pasado 30 de abril: un troco de 4,83 accións do catalán por unha do BBVA, que valora a entidade en 11.530 millóns de euros.

A operación, que está condicionada a que sexa aceptada polo 50 % do disperso accionariado do Sabadell, foi rapidamente rexeitada pola entidade presidida por Josep Oliu, que asegura que infravalora "significativamente" a entidade, cuxa capitalización bolsista rolda os 10.000 millóns, e tamén a súa capacidade de crecer en solitario. 

A Bolsa española reaccionou este xoves á opa hostil, non inédita pero inusual en España, cunha caída do 0,92 % no seu principal indicador, o IBEX 35, que lle fixo perder os 11.100 puntos polas baixadas do sector bancario, especialmente do BBVA, que deixou un 6,71 %, o maior trompazo de todo o IBEX, en contraste co Sabadell, que recuperou un 3,17 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade