Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno quere recuperar a patronal para a reforma laboral logo da ruptura coas pensións

O Goberno quere recuperar a patronal para a reforma laboral logo da ruptura coas pensións

Sánchez celebra cos sindicatos o acordo en pensións do que se descolgou a CEOE

G24.gal 16/11/2021 15:14

O Goberno confía en recuperar a patronal para o diálogo social e acordar a reforma laboral, logo de que a CEOE se descolgase do acordo sobre pensións. Segundo a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, o principal atranco desas negociacións é a temporalidade, pero agarda que a pesar das últimas disputas cos empresarios poida haber finalmente un acordo.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, celebrou este martes na Moncloa o acordo cos líderes de Comisións Obreiras e UXT.  Ao almorzo tamén asistiron seis ministros da área económica: as tres vicepresidentas e os titulares de Industria, Facenda e de Seguridade Social, o encargado das negociacións.

Para José Luis Escrivá"hai que pagar o estado de benestar, e o estado de benestar págase desta forma en todos os países que teñen modelos análogos ao noso". O ministro de Seguridade Social facía estas declaracións nunha entrevista en Onda Cero, na que cualificou a suba do 0,6 % nas cotizacións de "extremadamente moderada".

O incremento tradúcese, de media, en 10 euros ao mes para a empresa e 2 para o traballador. Para Pilar González de Frutos, vicepresidenta da CEOE, "dá igual o repartimento,  porque ao final son custes salariais e van prexudicar a xeración de emprego". Dende a patronal que esta suba chega "no peor momento".

Con esta medida, o Goberno prevé engordar o peto das pensións con 50.000 millóns en dez anos, pero aos empresarios non lles dan as contas. Segundo Gerardo Cuerva, presidente de Cepyme, "pasarán uns meses ou unha semana, e aparecerán novas medidas de incremento de contribución para o sostemento das pensións porque o problema, desgraciadamente, non está solucionado".

Os que si celebran o acordo son os sindicatos, aínda que lamentan que a patronal se descolgase. Para Unai Sordo, secretario xeral de CC. OO., os acordos tripartitos "dan máis solidez ao que se pacta, pero non hai dereito de veto para ninguén".

Este mércores volverán sentar todos noutra mesa de diálogo social, desta volta para negociar a reforma laboral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade