Publicador de contidos

Rusia suma 1.189 falecementos e encadea outro récord de mortes por covid

Rusia suma 1.189 falecementos e encadea outro récord de mortes por covid

Os falecidos totais no país son xa 242.060 e os contaxios alcanzan os 8.633.643

Rusia é actualmente o primeiro país do mundo con máis mortes diarias

G24.gal 03/11/2021 11:43

Rusia encadeou este mércores outro récord de mortes por covid-19 ao rexistrar na última xornada 1.189 falecementos, once máis ca o martes, o anterior máximo, segundo informa o centro operativo de loita contra a pandemia do coronavirus.

Novembro, nada máis comezar, suma xa dous récord de falecementos, e iso a pesar de que os rusos teñen vacacións pagas desde hai cinco días por orde do presidente, Vladimir Putin, decretadas para tratar de baixar a incidencia e a morbilidade.

O novo máximo eleva o total de falecementos por esta enfermidade a 242.060, aínda que as estatísticas oficiais sobre exceso de mortes duplican esta cifra.

Primeiro país do mundo con máis mortes diarias

Segundo a base de datos Worldometer, Rusia é actualmente o primeiro país do mundo con máis mortes diarias por coronavirus, por diante de Ucraína.

Na última xornada rexistráronse ademais 40.443 novos casos de coronavirus nas 85 rexións do país.

Rusia acumula desde o inicio da pandemia do coronavirus 8.633.643 contaxios, o que o mantén como quinto país do mundo con máis infeccións acumuladas, por detrás dos Estados Unidos, A India, O Brasil e o Reino Unido.

Vladimir Putin deulles ás rexións a opción de prolongar as vacacións retribuídas dependendo da situación epidémica.

Ata o momento, a rexión de Nóvgorod, ao suesde de San Petersburgo, é a única que anunciou que estende unha semana máis os días non laborables.

O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, sinalou hoxe que Putin non tomou ningunha decisión sobre se prolonga a nivel nacional as vacacións ante a imposibilidade de baixar a incidencia suficientemente en só unha semana.

Causas do incremento de mortes e contaxios

As autoridades rusas atribúen o forte aumento de novos contaxios e de mortes á agresividade da variante delta, a falta do cumprimento estrito das regras sanitarias por parte de moitos rusos e, sobre todo, á baixa taxa de vacinación no país.

Ata o momento, na nación que foi pioneira á hora de rexistrar a súa propia vacina anticovid, só 50.960.796 cidadáns recibiron a pauta completa de vacinación, o que sitúa a inmunidade colectiva soamente no 46,8 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade