Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia enviará a Ucraína unha lista de condicións para que sexa posible o cesamento do fogo

Rusia enviará a Ucraína unha lista de condicións para que sexa posible o cesamento do fogo

Unha das principais demandas do Kremlin é que as tropas ucraínas abandonen o territorio das catro rexións ucraínas anexionadas

O Kremlin vén demandando reiteradamente que Kíev renuncie aos plans de ingreso na OTAN, entre outras condicións

G24.gal 17/05/2025 12:50

O Kremlin anunciou este sábado que fará chegar á parte ucraína unha lista de condicións para un cesamento do fogo e que determinados acordos poderían facer posible un encontro entre o presidente ruso, Vladímir Putin, e o seu homólogo ucraíno, Volodímir Zelensky.

"A parte rusa preparará  a dita lista e entregaraa á parte ucraína. Quizais non se deba anunciar que incluirá exactamente, xa que as negociacións seguen en curso e deben ser a porta pechada", respondeu o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, á pregunta dun xornalista da axencia TASS.

Peskov tamén contestou en rolda de prensa á posibilidade dunha reunión entre Putin e Zelensky.

"Dita reunión, como resultado do traballo das delegacións de ambas partes tras alcanzar certos acordos, sería posible. Considerámola posible", comentou.

Tras a reunión en Istambul entre as delegacións rusa e ucraína na xornada de onte, o representante da parte rusa, Vladímir Medinski, comunicou que estudarían a solicitude ucraína dunhas negociacións directas entre ambos os xefes de Estado.

A pesar de que Medinski, ideólogo da actual memoria histórica rusa que rexeita a Ucraína como país soberano, declarou á prensa internacional estar "satisfeito cos resultados", a mensaxe que enviou á prensa rusa foi o de seguir combatendo e facerse con máis territorio ucraíno.

Ameazou con que Moscova conquistará tamén o territorio das rexións norteñas de Sumi e Járkov, onde os rusos lanzaron unha ofensiva.

Unha das principais demandas do Kremlin -manifestada o venres por Medinski- é que as tropas ucraínas abandonen o territorio das catro rexións ucraínas anexionadas -Donetsk, Lugansk, Jersón e Zaporiyia-, aínda que os rusos non as controlen na súa totalidade.

Demandas que vén realizando o Kemlin

Ademais do recoñecemento das rexións ucraínas anexionadas, entre as que tamén se atopa a península de Crimea, o Kremlin vén demandando reiteradamente que Kíev renunciase aos plans de ingreso na OTAN; a desmilitarización do país; garantías de dereitos dos rusoparlantes; o cambio de goberno ao considerar ilexítimo a Zelensky e a cancelación das sancións internacionais impostas sobre Rusia tras o inicio da guerra en Ucraína en 2022.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade