Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morren nove persoas nun ataque ruso contra un autobús na cidade ucraína de Sumi

Morren nove persoas nun ataque ruso contra un autobús na cidade ucraína de Sumi

G24.gal 17/05/2025 08:15 Última actualización 17/05/2025 09:37

Polo menos nove persoas faleceron nun ataque ruso con drons contra un autobús que se dirixía á cidade ucraína de Sumi, no nordés do país, segundo informou este sábado o alcalde en funcións de Sumi, Artem Kobzar.

"Desgraciadamente, o número de mortos aumentou a nove", sinalou na súa conta de Telegram.

De acordo con Kobzar, un dron inimigo alcanzou un autobús preto de Bilopillia, ferindo ademais outras catro persoas. O xefe da Administración Rexional Militar, Oleg Grigorov, precisou que no autobús viaxaban civís.

A agresión prodúcese horas despois de que líderes de toda Europa ameazaran o presidente ruso con máis sancións se non tenta a negociar co seu homólogo ucraíno.

Na véspera, Vladimir Putin rexeitara ir a un encontro cara a cara en Turquía con Volodimir Zelenski para tentar pechar un cesamento do fogo.

Cume en Tirana

Más de corenta xefes de Estado e de Goberno europeos, os presidentes da Comisión e o Consello Europeo ou o secretario xeral da OTAN, entre outros, reuníronse este venres en Tirana para a sexta edición do cume da Comunidade Política Europea.

Este formato, impulsado polo francés Emmanuel Macron no 2022, mantén tres anos despois a invasión rusa de Ucraína no máis alto da súa axenda.

Foi un encontro pouco coreografiado e aberto a moitos encontros espontáneos entre líderes, algo que permitiu que os mandatarios de Alemaña, Ucraína, Francia, Polonia e o Reino Unido sentaran ao redor dun mesmo teléfono para comunicarse con Donald Trump.

Encontro entre as delegacións rusa e ucraína

Durante a conversa, falaron dos resultados do encontro entre as delegacións rusa e ucraína deste venres en Turquía. Na xuntanza, acordaron o intercambio de mil prisioneiros de cada bando "como unha medida para crear confianza".

Ademais, acordouse "compartir por escrito as condicións baixo as que se podería acordar un cesamento do fogo".

Malia tratárense do primeiro contacto diplomático entre ambos os dous países desde 2022, os europeos lamentaron que non acudira o propio Putin á mesa de negociacións, unha mostra ao seu xuízo de que non se toma en serio o esforzo pola paz.

"Creo que Putin equivocouse ao enviar unha delegación de baixo nivel. A pelota está no seu campo, ten que querer xogar e ser serio sobre querer a paz. Toda a presión está agora sobre Putin", valorou o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, que se mostrou convencido de que o mandatario ruso é consciente de que cometeu un erro.

Os grandes socios no cume coincidiron en que a delegación rusa en Istambul non era dun nivel suficientemente alto como para tomar decisións por si mesma e lamentaron que puxera sobre a mesa condiciones que o primeiro ministro polaco, Donald Tusk, considerou "inaceptables" para Kíiv.

"Os rusos en Istambul romperon de facto as negociacións e negáronse a un cesamento do fogo. É hora de aumentar a presión", pediu Tusk.

Novo paquete de sancións

Á súa chegada á reunión, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, recollía a luva e avanzaba que Bruxelas xa empezaba a preparar un novo paquete de sancións apenas dous días despois de dar luz verde ao anterior.

A nova batería incluirá sancións a Nord Stream I e II, novos buques da frota rusa na sombra, unha rebaixa ao límite do prezo do petróleo e novas medidas contra o sector financeiro.

Do mesmo xeito, segundo fontes comunitarias, tomarán medidas contra entidades bancarias de países terceiros que apoian a maquinaria bélica rusa.

Malia que na reunión participaron aliados do Kremlin como o serbio Aleksandar Vucic ou o eslovaco Robert Fico, o ton maioritario destes encontros foi de apoio case pleno a Ucraína na súa resistencia á agresión de Rusia.

Neste senso, o presidente do Consello Europeo, António Costa, fixo un chamamento a que o continente europeo "una forzas" para que o dereito internacional prevaleza en todas as frontes onde está hoxe ameazado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade