As autoridades ucraínas aseguran que nas últimas horas houbo 50 ataques aéreos sobre Mariupol
Dous mísiles bateron nun edificio de vivendas e nunha fábrica
Guterres admite ante Zelenski que a ONU lle fallou a Ucraína
Varias explosións volveron sacudir nas últimas horas o centro de Kíiv. Os ataques coincidiron coa visita do secretario xeral da ONU á capital ucraína. Rusia eleva as súas ameazas sobre Occidente se os aliados seguen rearmando Ucraína. O Congreso dos Estados Unidos autorizou o presidente Joe Biden a aumentar a axuda á exrepública soviética.
As bombas volveron caer sobre a capital ucraína. Polo menos dous mísiles impactaron preto do centro de Kíiv, un nun edificio de vivendas e outro nunha fábrica. Descoñécese o número de vítimas que provocou o ataque. Desde o día 15, a capital non fora atacada e comezaba a recuperar certa normalidade, mentres a ofensiva rusa se concentraba no leste do país.
O bombardeo de Kíiv coincidiu coa visita do secretario xeral da ONU António Guterres, que se reuniu co presidente ucraíno. Guterres admitiulle a Zelenski o fracaso de Nacións Unidas para impedir a guerra e comprometeu o apoio a Ucraína para lograr un alto o fogo canto antes.
Guterres insistiu en que a xustiza debe investigar escrupulosamente se se cometeron crimes de guerra e afirmou que Nacións Unidas está facendo todo o posible en colaboración coa Cruz Vermella para poder evacuar os centos de soldados e civís que seguen refuxiados na planta de Azovstal en Mariupol. Pero de momento non hai resultado.
As autoridades ucraínas aseguran que nas últimas 24 horas houbo 50 ataques aéreos sobre Mariupol. O exército ruso intensificou tamén os combates na provincia de Khárkiv e na de Khersón, onde controla xa boa parte do territorio.
Ao tempo que continúa o avance ruso, aumenta o ton das advertencias do Kremlin aos aliados. Moscova considera que subministrar armas a Ucraína supón unha ameaza para a seguridade de toda Europa e reitera que recibirán unha resposta contundente.
Pero Occidente fai oídos xordos ás ameazas de Rusia. Alemaña aprobou o envío de armamento pesado, carros de combate, a Ucraína nos vindeiros días. Tamén os Estados Unidos anunciaron un incremento das axudas a Ucraína.
"Temos que facer isto. O custo desta pelexa non é barato, pero ceder ante a agresión sería máis custoso", asegurou Joe Biden.
O presidente dos Estados Unidos pediulle ao Congreso 33.000 millóns de euros máis para Ucraína, 20.000 deles para armas. Joe Biden di que o envío de recursos económicos e militares ao país non é un ataque contra Rusia, senón un lexítimo apoio a Ucraína para que poida defenderse. E asegurou tamén que non permitirá que Putin intimide a Europa con cortes na subministración de enerxía.