Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alfonso Rueda xura o seu cargo como presidente da Xunta en Bonaval

Alfonso Rueda xura o seu cargo como presidente da Xunta en Bonaval

Antes de tomar posesión realizará unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres canda os expresidentes da Xunta

O ministro de Transportes será o representante do Goberno central

Rajoy acudirá ao acto no que tamén estarán catro presidentes autonómicos

Preparativos para o acto no parque de San Domingos de Bonaval Preparativos para o acto no parque de San Domingos de Bonaval
G24.gal 12/04/2024 16:03 Última actualización 13/04/2024 12:40

O líder do PPdeG, Alfonso Rueda, quen foi investido presidente de Galicia por segunda vez, tomará posesión este sábado a partir das 12:00 horas no parque de San Domingos de Bonaval acompañado dun milleiro de invitados.

Para este cerimonia Rueda cambia o escenario tradicional do Parlamento de Galicia, onde os presidentes da Xunta adoitaban xurar o seu cargo antes de realizar unha celebración pública na praza do Obradoiro, ante a catedral de Santiago de Compostela. No que hai continuidade é na elección das gaitas para o acompañamento musical da cerimonia.

Ofrenda conxunta ante os Galegos Ilustres

Antes da toma de posesión, Rueda realizará unha ofrenda floral ante o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres acompañado dos expresidentes Alberto Núñez Feijóo, Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe. 

Durante a ofrenda, a Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra interpretará unha peza musical. Despois, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense acompañará, coa Antiga Marcha do Reino de Galicia, o percorrido do presidente da Xunta, o ministro de Transportes como representante do Goberno, e o presidente do Parlamento de Galicia, en representación do Poder Lexislativo, ata o lugar do acto no parque de San Domingos de Bonaval.

Toma de posesión

Ás 12:00 horas terá lugar o inicio do acto de toma de posesión como tal no parque. A cerimonia iniciarase coa lectura por parte de Miguel Santalices do Real Decreto de nomeamento ao que seguirá o xuramento ou promesa de Rueda, quen pronunciará despois un discurso. En maio de 2022 a fórmula elixida por Rueda foi o xuramento sobre o Estatuto de Autonomía.

A interpretación do Himno galego pola cantante Fátima Pego, acompañada á arpa polo músico Roi Casal, poñerá o broche musical a esta celebración.

Convidados 

O segundo acto de toma de posesión de Rueda como presidente de Galicia contará cun milleiro de invitados. Asistirán representantes e autoridades de institucións da Comunidade e do Goberno. Xunto co líder popular, Alberto Núñez Feijóo, e o expresidente Mariano Rajoy, estarán presentes o titular do Principado de Asturias, Adrián Barbón (Rueda tamén acudiu á súa toma de posesión); así como os titulares do Goberno de Murcia, Fernando López Miras; Aragón, Jorge Antonio Azcón Navarro; e da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, do PP.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar