Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda emprende este xoves a súa primeira viaxe oficial á Arxentina e ao Uruguai

Rueda emprende este xoves a súa primeira viaxe oficial á Arxentina e ao Uruguai

Será un periplo de cinco días en que o presidente da Xunta buscará estreitar lazos coa comunidade galega en ambos os países

G24.gal 12/10/2022 12:03

Animar a colectividade e o empresariado galego no exterior a "sumar sinerxías para seguir construíndo unha comunidade próspera e unida pola marca Galicia". Con esta premisa arrinca este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a súa primeira viaxe oficial como xefe do Executivo galego, que terá como destino A Arxentina e O Uruguai.

Será un periplo de cinco días en que o presidente da Xunta buscará estreitar lazos coa comunidade galega en ambos os países, así como manter encontros cos representantes das empresas galegas que operan en Arxentina e en Uruguai, especialmente as do sector pesqueiro.  

Así mesmo, reunirase coas entidades galegas de Bos Aires e Montevideo para trasladarlles o agarimo e a admiración de Galicia, e para coñecer de primeira man a pegada que están a deixar nun e noutro lado do Atlántico. Na súa axenda figuran encontros con asociacións que levan décadas traballando polo benestar dos españois, en xeral, e dos galegos en particular, como o Club Español; ou que prestan un inestimable labor social, como a entidade sen ánimo de lucro España.

Alfonso Rueda tamén se reunirá con dirixentes da Arxentina e do Uruguai e manterá distintos encontros diplomáticos con autoridades de ambos os países.  Durante esta viaxe, o presidente galego incidirá na data simbólica do Xacobeo, xa que, ao seu entender, os galegos foron capaces durante séculos de "ensanchar o seu territorio e desvanecer as súas fronteiras en beneficio da colectividade"; primeiro cara a Europa, co Camiño de Santiago, e logo cara a América, como exemplo de "universalidade e concordia".  Así mesmo, botará man do pasado común para animar a "mirar cara ao futuro" e aproveitar os lazos de unión entre ambos os lados do Atlántico a través de oportunidades de investimento e de retorno.

O mandatario galego subliñou que os galegos que emigraron e os seus descendentes "seguen sendo parte fundamental na vida de Galicia", por iso é polo que o seu benestar "sexa unha prioridade máis" do Goberno galego.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade