Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda pide que as comunidades deseñen co Goberno a proposta de España para o presuposto europeo

Rueda pide que as comunidades deseñen co Goberno a proposta de España para o presuposto europeo

"Negociar e coordinarnos dende o inicio evitará conflitos a posteriori e imos acertar e conseguir que eses fondos se utilicen dunha maneira máis eficaz", di o presidente da Xunta

Alfonso Rueda, durante a súa comparecencia na Comisión Mixta para a UE (EFE/ Daniel Gonzalez)
G24.gal 30/06/2026 14:24

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pídelle ao Goberno central que impulse xa un mecanismo para que as comunidades autónomas poidan participar na elaboración do plan que presentará España en Bruxelas para o deseño do presuposto europeo que entrará en vigor no 2028.

O xefe do Goberno galego fixo esta proposta nunha comparecencia este martes no Congreso para facer balance do traballo da delegación española no Comité de Rexións que presidiu no último ano.

Alfonso Rueda amosou a súa preocupación pola proposta da Unión Europea para o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, que eliminaría as achegas específicas para pesca, agricultura ou cohesión para integralas en plans nacionais que debe presentar cada Estado o ano que vén.

Ante este escenario, o presidente suxire un mecanismo de cooperación específico entre o Estado e as comunidades.

"Propoño un espazo de decisión compartida; negociar e coordinarnos dende o inicio evitará conflitos a posteriori e imos acertar e conseguir que eses fondos se utilicen dunha maneira máis eficaz", afirmou.

O presidente da Xunta tamén dixo que, ao seu entender, as contas comunitarias non disporán de recursos suficientes para facerlles fronte a todas as prioridades da Unión. 

"Investir máis en defensa, vivenda ou migración non pode implicar inevitablemente investir menos en cohesión, agricultura ou pesca”, defendeu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade