Rueda enxalza o papel do colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires como difusor da cultura e lingua galegas
Rueda enxalza o papel do colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires como difusor da cultura e lingua galegas
Rueda pronunciou a súa intervención á beira da obra 'A derradeira leción do mestre' de Castelao, morto no exilio na Arxentina
A música do acto puxérona seis alumnas que interpretaron 'Quen é a que canta?', de Tanxugueiras e Fillas de Cassandra
Inicio de curso para os case 600 alumnos no colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires. Aquí as clases combinan o currículo escolar da Arxentina con formación en historia, cultura e lingua galega. No acto de volta ás aulas, tres estudantes leron un conto de Castelao incluído en Retrincos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou o papel deste centro como difusor da cultura e a lingua galega. O colexio foi unha das paradas este venres da axenda do mandatario autonómico na súa viaxe institucional ao país austral.
Rueda participou na apertura do curso escolar no centro, onde Galicia "vívese con moitísima potencia a miles de quilómetros" ao impartirse formación en historia, cultura e lingua galega. O presidente galego animou ao alumnado a completar a súa formación en Galicia e gabou o papel deste colexio como garante da cultura galega na Arxentina.
Con 25 anos de historia e recoñecido en 2005 coa Medalla de Galicia, o Apóstolo Santiago é, segundo Rueda, un "símbolo" do "compromiso" coa cultura galega e unha ligazón coas "raíces" dos galegos na diáspora.
Alfonso Rueda pronunciou a súa intervención á beira da obra 'A derradeira leción do mestre', de Castelao, morto no exilio na Arxentina, onde fuxiu tras a Guerra Civil.
A música do acto puxérona seis alumnas que interpretaron Quen é a que canta? de Tanxugueiras e Fillas de Cassandra
O presidente galego destacou a Castelao como "unha das figuras máis importantes da cultura, a política, o pensamento e a forma de ser en Galicia". Este 2025 está declarado pola Xunta de Galicia Ano Castelao.