Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda descarta o adianto electoral porque "Galicia non se pode contaxiar de inestabilidade"

Rueda descarta o adianto electoral porque "Galicia non se pode contaxiar de inestabilidade"

Rueda defende que "as urxencias electorais" de Sánchez non poden ser as da comunidade galega

Segundo Rueda, o 23 de xullo elíxese entre os que queren aproveitar as institucións e os que pretenden poñelas ao servizo da xente

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia. EFE/Lavandeira jr
G24.gal 29/05/2023 18:46 Última actualización 29/05/2023 21:53

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, descartou este luns un adianto electoral, para facer coincidir as autonómicas coas xerais do 23 de xullo, porque Galicia "non se pode contaxiar da inestabilidade" que cre que existe a nivel nacional.

No Comité Executivo do PPdeG para analizar os resultados electorais de onte, 28M, tras o adianto das eleccións xerais anunciado esta mañá por Pedro Sánchez, Rueda defendeu que "as urxencias electorais" de Sánchez para "tapar" os seus malos resultados electorais "non poden ser" as da comunidade galega.

Galicia "seguirá a súa propia senda", proclamou, porque "a estabilidade" da comunidade galega "non ten prezo e vale máis que os intereses partidistas" de Sánchez, quen, segundo Rueda, convoca un adianto porque "o seu mandato está absolutamente esgotado".

Ante os seus, primeiro Rueda volveu a proclamar ao PPdeG como claro "gañador" das eleccións municipais de Galicia, para xa case ao final do discurso despexar a dúbida sobre se era posible un adianto electoral na comunidade para facer coincidir a cita coas xerais de xullo.

Para Rueda está claro que Sánchez convocou eleccións por "cálculo electoral" tras o "severísimo correctivo" que tivo o domingo o PSOE nas urnas, pero asegura que "esas présas" non van coa Xunta de Galicia, que vai seguir "coa forma de facer política" e defendendo os intereses dos galegos que o presidente do Goberno "non teñen ningún intención de resolver".

Apoio a Feijóo

Por iso, instou a votar o 23 de xullo para poder celebrar unha vitoria do PP e para que "o presidente que desatendeu a Galicia deixe paso a un presidente que xa traballou por Galicia 13 anos", en referencia ao líder dos populares, Alberto Núñez Feijóo.

"Os últimos días de Sánchez na Moncloa están próximos", segundo Rueda, que pediu aos integrantes do seu partido traballar con este obxectivo para que, despois de gañar as municipais, o PP gañe tamén as xerais e Galicia "siga a súa senda de estabilidade".

O próximo 23 de xullo hai que elixir entre a "propaganda" política daqueles que queren "aproveitarse das institucións" e os que "buscan poñelas ao servizo da xente". E entre a "inestabilidade crónica" na que Sánchez instalou a España e a "garantía de estabilidade" coa que conta Galicia, a xuízo do presidente da Xunta e líder do PPdeG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade