Publicador de contidos

Publicador de contidos

Retiran as narcolanchas varadas en praias de Ribeira

Retiran as narcolanchas varadas en praias de Ribeira

A embarcación da praia do Vilar foi remolcada por mar e a outra retirárona por terra

A policía investiga que cantidade de cocaína transportaban e onde está a droga

G24.gal 23/02/2023 20:49 Última actualización 23/02/2023 21:19

A rotura do cabo de remolque atrasou os labores de retirada da narcolancha que varou na praia do Vilar. Tamén complicou o operativo que se trate dunha zona protexida do parque natural de Corrubedo. Antes de romper o día, de madrugada, activouse de novo o dispositivo. Quen o coordina é Vixilancia Aduaneira.

"Temos que devolvela ao mar para levala ás instalacións de Vixilancia Aduaneira e poñela á disposición xudicial", di Antonio Santiago Rodríguez, xefe da base de Vixilancia Aduaneira da Coruña.


A media marea conseguiron reflotar a embarcación para remolcala por mar ata as dependencias que Vixilancia Aduaneira ten en Vilagarcía. A outra narcolancha que varou na praia de Espiñeirido retirárona por terra.

"A outra embarcación está irrecuperable. Levámola a un depósito para que quede á disposición xudicial. Non é como a outra, que é unha embarcación operativa, esta está estragada", comenta Antonio Santiago Rodríguez, xefe da base de Vixilancia Aduaneira da Coruña.


Retiradas as narcolanchas da praia e xa baixo custodia policial, a investigación prosegue.

Parece claro que as embarcacións transportaron droga, concretamente cocaína. A cantidade que se descargou aínda é unha incógnita, pero as dúas narcolanchas máis grandes teñen espazo para levar ata seis toneladas de cocaína, tres cada unha.

Tamén se descoñece onde está toda esa droga; o que parece confirmarse é que as embarcacións foron abandonadas nun punto distinto a onde foi a descarga.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade