Renfe avánzalle a Rueda que "posiblemente" Vigo recupere o servizo esta fin de semana
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este sábado que o presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, lle transmitiu que confían en poder restablecer os servizos "posiblemente" esta fin de semana e criticou a falta de explicacións da compañía.
"Segundo se me transmitiu na conversación, agardan restablecer o servizo con brevidade, posiblemente esta mesma fin de semana, despois dunhas comprobacións que, neste momento, están a finalizar", escribiu no seu perfil de X tras falar con Fernández Heredia.
Rueda sinalou que entenden e comparten "a necesidade de ser prudentes, pero a suspensión de liñas sen apenas explicacións, de forma descoordinada e deixando sen servizo a miles de persoas, é inadmisible".
Tamén criticou a falta de comunicación coa Xunta, que "obrigou ao reforzo de autobuses sen practicamente información previa". Rueda espera que o servizo se reestablezca e "que o compromiso de coordinación e transparencia respecto a estas situacións empece a cumprirse polo Ministerio de aquí en diante, en consideración a Galicia e aos miles de galegos e galegas usuarias de tren".
Renfe mantén suspendidos todos os servizos de tren con orixe e destino a Vigo desde o xoves debido ás condicións meteorolóxicas e mantén a venda de billetes bloqueada ata o luns incluído, sen plan alternativo de transporte. A liña Santiago-O Carballiño-Ourense, que estivo suspendida o venres, si opera este sábado, segundo confirmaron fontes de EFE a Renfe.
Acabo de falar co presidente de Renfe.
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) February 7, 2026
Entendemos e compartimos a necesidade de ser prudentes, pero a suspensión de liñas sen apenas explicacións, de xeito descoordinado e deixando sen servizo a miles de persoas, é inadmisible, igual que a falta de comunicación coa Xunta, que…