Remonta no engadido do Fortuna (2-1) para agarrarse á promoción de ascenso
Éder García adiantara ao filial do Athletic pero Hugo González (93') e Somuah (97') déronlle a volta ao partido nun triunfo épico
O Celta Fortuna acadou un épico triunfo diante do filial do Athletic (2-1) nun partido que perdía no minuto 93 e no que acabou gañando grazas aos tantos de Hugo González e Somuah.
Estivo mellor o filial bilbaíno nun primeiro tempo no que tardaron en chegar as ocasións. Ibai Sanz tivo un par de situacións a prol do equipo visitante diante dun Fortuna que só espertou nos últimos minutos e avisou con lanzamentos de Hugo González e Álvaro Marín.
O partido seguía a ser de cor branca e vermella no segundo tempo ata o gol de Éder García no minuto 68. Unha acción moi polémica pois chega precedida dunha xogada na que lle quitaron o coiro en falta a un xogador do Celta Fortuna.
Emborcouse o Celta á procura do empate e tivo boas oportunidades. No minuto 93 o valenciano Hugo González non desaproveitou unha falta na frontal para incrustala na escadra. E catro minutos despois (houbo 15 de engadido) Somuah, ao bordo do fóra de xogo, recibiu un pase en profundidade e acabou cruzando con moita calidade para poñer o definitivo 2-1 co que o filial vigués deixa case garantida a súa presenza na fase de ascenso á Segunda División.