Máis de mil artistas participaron no III Encontro Galego de Cultura Popular
A cita, que comezou o venres na Cidade da Cultura, clausurouse este domingo
As actuacións dos coros Cantigas e Agarimos de Santiago e Cantigas da Terra da Coruña clausuraron o terceiro Encontro Galego de Cultura Popular. Houbo foliadiñas infantís. E as pandeireteiras tiveron un protagonismo especial, con grupos de Portugal, Asturias, León e Salamanca.
"É unha verdadeira marabilla poder facer unha convivencia destas características e estar orgullosos de que a nosa cultura estea viva e que poidamos gozar dela, que é o máis importante", asegura Quique Peón, director artístico do encontro.
No espazo da feira: artesáns dos tecidos, do calzado, da xoiería e dos instrumentos musicais tradicionais.
"Eu fago un instrumento totalmente configurado ao gusto de cada persoa. Sexa unha pandeireta, unha gaita, un tamboril, traballo por encarga, fago xusto o instrumento como o quere o cliente", explica Roberto Pérez, "O Reberete", artesán de instrumentos musicais.
Máis de mil artistas participaron nos espectáculos de música e baile tradicional programados na Cidade da Cultura desde o venres ata este domingo.