Regularización de migrantes irregulares, condicións e prazos
A ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, asegura que se trata de reformar o modelo migratorio cara a un de "integración, convivencia e compatible co crecemento económico e a cohesión social"
O proceso de regularización de persoas migrantes en situación irregular que este martes aprobou o Consello de Ministros afectará a estranxeiros que levasen en España polo menos cinco meses antes do pasado 31 de decembro ou que solicitasen unha petición de protección internacional antes da mesma data.
Para poder solicitalo teñen que carecer de antecedentes penais. Os beneficiarios obterán unha autorización inicial dun ano de vixencia e, transcorrido este prazo, poderán incorporarse ás figuras previstas no regulamento de estranxeiría.
O Goberno prevé que as solicitudes empecen a tramitarse a principios de abril, unha vez terminados os trámites do real decreto, e o proceso estará aberto ata o 30 de xuño.
O obxectivo, subliñou a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, é que se trate dun mecanismo "sinxelo" e romper as "barreiras burocráticas do pasado".
A ministra sinalou que o Goberno, ao iniciar a tramitación urxente dun real decreto para a regularización de migrantes, recupera "o espírito" da iniciativa popular, que estivo "demasiados meses" bloqueada no Congreso.
Durante a conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, Saiz cualificou o de hoxe como "un día histórico" para o país e un paso máis no camiño do Goberno para reformar o modelo migratorio cara a un de "integración, convivencia e compatible co crecemento económico e a cohesión social".
Recalcou que se trata dunha medida que mellora a vida da xente porque lles dá a oportunidade de "vivir con igualdade de dereitos e oportunidades".
Criticas da oposición
O PP cre que o Goberno só quere que se deixe de falar da crise ferroviaria. E di que a medida só beneficia as mafias que comercian cos migrantes.
"O Goberno segue frivolizando con cuestións importantes. As regularizacións masivas son ilegais, hai que regularizar persoa a persoa. O que fan é chamar as mafias para que sigan poñendo vidas en risco", asegurou a voceira dos populares no Congreso, Ester Muñoz.
Tamén o sindicato maioritario da Policía Nacional, que ten a competencia exclusiva en temas de estranxeiría, cre que o Goberno lanza unha mensaxe perigosa, que ademais é inasumible.
"Isto vai crear un efecto chamada que vai facer que milleiros de persoas xoguen a vida en mans das mafias. Ademais é materialmente imposible que os compañeiros de Estranxeiría realicen esa regularización", sostén Ibón Domínguez, portavoz do sindicato policial Jupol. Eses compañeiros, apuntan desde Jupol, están xa saturados na maior parte do territorio nacional.