Xuízo a García Ortiz: un cuarto xornalista di que tivo acceso ao correo antes que o fiscal xeral
Un xornalista da Cadena Ser asegura que puido ver o correo do avogado da parella de Ayuso horas antes de que chegara as mans do fiscal que, segundo dixo non era a súa fonte
O decano dos avogados de Madrid di que a nota de prensa da Fiscalía "era moi grave"
O delegado de Protección de Datos sostén que a norma lle permitía a García Ortiz destruír o seu móbil
O decano do Colexio de Avogados de Madrid, Eugenio Ribón, mantivo que a nota de prensa da Físcalía nunca debeu saír. "A preocupación era fonda. Nunca viviramos unha situación coma esta".
Eugenio Ribón declara que cando coñeceu a nota de prensa chamou á fiscal provincial de Madrid, Pilar Rodríguez.
"Non sei se ela era ou non consciente da gravidade que esa nota tiña para a Avogacía. Díxome que sentía como un sándwich por arriba e por abaixo pero que, malia levar o selo da Fiscalía de Madrid non era dese órgano".
Pola tarde dese día, 14 de marzo de 2024, o fiscal xeral envioulle unha mensaxe propoñéndolle unha reunión ao día seguinte. Nese encontro García Ortiz "expón a adopción dalgún comunicado conxunto para manifestar que existía un clima de comunicación cordial e pouco máis ou menos poñer panos quentes sobre a nota da Fiscalía".
O decano do Colexio da Avogacía de Madrid engadiu que lle respondeu que "non era esa a pretensión pola que foramos á reunión, que o tema era de gravidade e que esperabamos unha investigación que depurase responsabilidade. No momento en que expresei que non estaba de acordo con esa comunicación conxunta, a conversación precipítase e aos dous minutos dáse por rematada".
O fiscal delegado de Protección de Datos, Agustín Hidalgo, sostivo que a norma permitía ao fiscal xeral destruír o seu móbil. "Todos os que dispoñemos de dispositivos proporcionados pola Administración prestacional somos usuarios, pero, o que é máis importante, somos responsables dos datos que conteñen e temos que coidar da súa protección, da confidencialidade dos datos. Se o usuario non confía en que eses datos persoais non vaian ser borrados adecuadamente ou suprimidos ten a facultade de destruír os dispositivos".
Malia o intenso interrogatorio da acusación particular, o responsable de protección de datos na Fiscalía, manifestou que os fiscais poden utilizar medios telemáticos privados, como Gmail ou WhatsApp, que "ofrecen mesmo máis seguridade que os da Fiscalía". Hidalgo indicou que non lle informaron ("non tiñan por que informarme") do cambio de móbil do fiscal xeral nin da eliminación da conta de Gmail á que lle enviaron os correos que se intercambiaron a defensa de González Amador e o fiscal Salto sobre un eventual acordo de conformidade penal.
O xornalista da Cadena SER, Miguel Ángel Campos, reiterou que tivo acceso ao correo seis horas antes de que chegara ao fiscal. Campos manifestou diante do tribunal que puido ver e tomar notas do correo do 2 de febreiro de 2024, no que o avogado de González Amador transmitiu á Fiscalía que este cometera unha fraude tributaria, ao redor das 15:40 horas do 13 de marzo de 2024. É dicir, seis horas antes de que ese documento chegase a mans do fiscal xeral. E sostivo que García Ortiz non foi a súa fonte. O xuízo ao fiscal retomouse este martes co eco aínda das palabras de Pedro Sánchez proclamando a súa inocencia. Este mércores García Ortiz dará a súa versión.